SOS Groba mantén a presión contra o parque eólico anulado na Groba

Para a plataforma SOS Groba a publicación do informe de impacto ambiental desfavorable que tomba o parque eólico Albariño 1, composto por seis aeroxeradores de 125 metros de alto e dúas torres distribuídas polos municipios de Oia, Baiona e Tomiño, é un pequeno paso adiante de fronte ao veto a estas instalacións nos montes da zona. O portavoz da entidade que leva máis de 15 anos loitando contra a implantación de parques eólicos nos montes do Val Miñor e do Baixo Miño, Bruno Centelles, insiste en que hai que seguir presionando mentres seguen moi de preto os avances nas tramitacións dos parques restantes.

“É un paso firme para conseguir o obxectivo final, erradicar os eólicos da Serra da Groba”, espeta, mentres tacha de “farsa” o xiro dado pola Administración autonómica neste sentido. “Agora móstranse como unha garantía á serra, pero é a mesma que quere seguir instalando máis complexos”, engade. Centelles asegura que están a ter serias dificultades para obter toda a información relativa aos 21 aeroxeradores distribuídos polos montes do Rosal e Oia. “Pagamos as taxas á Consellería de Industria, fixemos todas as tramitacións necesarias e tras dous anos de espera seguimos sen o CD que se nos ía a entregar con toda a documentación”, engade.

Polo momento a plataforma ten no punto de mira ao de “O Merendón”, que segundo explicou era o segundo máis avanzado despois do Albariño 1. Agora queda na cabeza con cinco unidades eólicas proxectadas, pero sen deixar de lado o P.E. “Torroña 1” con catro, o PE “O Rosal” con dous e o máis atrasado de todos eles, o PE “Toroña” que contemplan unha decena destes enormes elementos e que polo momento tan só fixo a súa aparición no Rexistro Eólico de Galicia.