Os gobernos locais socialistas da provincia saen en defensa da pesca de fondo

Os gobernos locais socialistas da provincia de Pontevedra aprobaron este venres un manifiesto en defensa da pesca de fondo, para solicitar a suspensión da veda da UE e instando á presentación do recurso xudicial. Na xuntanza, convocada polo secretario xeral provincial, David Regades, participaron alcaldes/as e tenentes de alcalde/sa de toda a provincia, entre eles os rexedores de Baiona e Nigrán, ademais da presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Consideran “incomprensible e súbita” a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca en 87 zonas de augas profundas da plataforma continental a partir do próximo 9 de outubro, polo que reclaman a inmediata suspensión do regulamento de execución sobre as áreas mariñas protexidas e expresan tamén o seu apoio ao recurso diante do Tribunal de Xustiza da UE. “Expresamos a nosa vontade que ese recurso naza dun marco de estreita colaboración entre as Administracións públicas e o sector pesqueiro”.

“Nos gobernos locais e no PSdeG-PSOE da provincia somos moi sensibles á alarma suscitada non só no sector pesqueiro, senón en toda a sociedade pontevedresa e galega. Reclamamos a suspensión inmediata deste acordo da Comisión Europea ata que estean dispoñibles os novos informes científicos que permitan fundamentar correctamente unha decisión desta transcendencia. Entendemos que agardar uns meses para verificar uns supostos danos, non suficientemente acreditados, aos ecosistemas dos fondos mariños, permitirá perseguir o ben maior de evitar un dano económico certo, inmediato e irreparable á cadea mar-industria galega”, aseguran.

Para os socialistas, centos de barcos e milleiros de postos de traballo non poden comprometerse burocraticamente sobre a feble base dun informe asentado en datos científicos desactualizados e que a propia Comisión recoñece que revisará en novembro. “Como moi acertadamente se ten expresado desde as autoridades españolas, está ben aplicar o principio de precaución ao medio ambiente, pero tamén debe ser extensivo ás repercusións socioeconómicas sobre unha industria pesqueira galega que é referencia mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental gracias á alianza firme entre o sector e as Administracións”.

Desde os gobernos locais e o PSdeG-PSOE consideran que a colaboración institucional co sector pesqueiro é crucial. “Por elo, facemos un chamado para traballar dende a unidade de acción. Necesitamos unha voz única e forte para a defensa do noso sector pesqueiro e para a interposición do necesario recurso diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea”.

Así mesmo recordan que Europa atravesa momentos moi difíciles por mor da guerra de Ucraína. A industria pesqueira xoga un papel fundamental para garantir a “soberanía alimentaria”. Alimentos básicos como os cereais son utilizados como arma, e outros experimentan os efectos da vaga mundial de inflación, provocando un enorme sufrimento social en toda Europa. Os alimentos do mar, ademais de saudables e sostibles pola súa menor contribución ás emisións de CO2, son unha peza clave da “resiliencia” da cesta da compra. “As Administracións públicas temos a obriga tamén de alertar sobre o desacerto de comprometer a dispoñibilidade de produtos do mar, e máis nestes intres”.

“A aprobación do regulamento de execución que veda toda a pesca nas augas profundas entre Cádiz e Irlanda, incluíndo a costa galega, adoeceu, por outra banda, dunha adecuada consulta ao sector. Un cambio tan drástico non pode saír adiante sen escoitar ás empresas e traballadores/as do mar e sen ponderar adecuadamente a opinión dos países máis directamente afectados. Non se trata só dun defecto de forma, como puidera parecer, senón propiamente dun defecto de fondo nunha Unión Europea que ten na transparencia un dos eixes da súa acción política”.

“Europa é un proxecto compartido e solidamente enraizado. A expresión da aspiración de 750 millóns de persoas para afrontar unidas os retos deste mundo cambiante baixo o gran paraugas da democracia. As institucións europeas erran se se afastan da cidadanía e se parapetan tras un muro tecnocrático. Os Gobernos locais socialistas da provincia de Pontevedra cremos que son tempos para a Política, con maiúscula. Non esquezamos que os populismos antieuropeístas gañan forza en varios países membro. A defensa dos sectores produtivos estratéxicos, compatibilizándoos adecuadamente coas políticas medioambientais, é unha parte central do camiño para seguir construíndo esa Europa que todos e todas queremos e á que non renunciamos”, conclúe o manifesto.