Baiona aposta pola memoria histórica e o teatro no seu programa cultural de outono

Despois dun intenso verán onde o Concello de Baiona ofreceu un sen fin de eventos de todo tipo chega unha nova programación para gozar da cultura no outono. Este programa, organizado pola Concellería de Cultura, combinará diversas disciplinas culturais. Ademais, en outubro, haberá unha programación dedicada en exclusiva á memoria histórica como se vén facendo desde o ano 2019.

O pistoletazo de saída ao mes da memoria histórica darase este sábado, 1 de outubro, ás 19:30 horas no Multiusos Mercado de Sabarís coa presentación do documental e o libro sobre a figura de Xosé Velo. A revisión da figura de Xosé Velo enfróntanos a unha persoa comprometida coa liberdade do ser humano e que fixo da súa vida un permanente compromiso con Galicia, dende a política, mais tamén dende a súa paixón pola escrita que agora sae a luz dende diferentes achegas. O acto finalizará cun recital poético musical a cargo do músico Moisés Quintas.

Así mesmo, a segunda quincena de outubro terá lugar o Circuíto Galego de Teatro Amador. A primeira das actividades terá lugar o día 14 no Auditorio Municipal V Centenario ás 20:00 horas. Trátase dun espectáculo de microteatro que contará coa interpretación de Hipócrita Teatro (Mitoloxía para Ignorantes), de Porta Aberta Teatro (A Dous Cadaleitos de Ti) e Lohengrín Teatro (Terra).

O xoves 15 de outubro o mesmo escenario acollerá ás 20:00 horas “Clowncertazo” de Falcatrueiros Monterroso. O domingo día 16 ás 12:00 horas o Auditorio volverá acoller unha nova función baixo o título “D’FUNCIÓN” do Teatro Antas de Ulla. E pola tarde ás 19:00 horas Fauna 113 interpretará “Os veciños do lado”.

O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Estes catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fóra do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.

“Esta programación foi deseñada co obxectivo de desestacionalizar as actividades culturais e de lecer e promocionalas durante todo o ano, optimizando recursos, dinamizando á súa vez a actividade socioeconómica do municipio e para o goce de toda a cidadanía”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.