Retiran máis de 40 quilos de refugallos nunha limpeza de lixo mariño na praia Ladeira de Baiona

A praia Ladeira, no concello de Baiona, foi o lugar elixido polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) para levar a cabo a terceira das limpezas de lixo mariño programadas dentro do proxecto “Stop and help!, que o lixo non chegue ao mar”.

Nun espazo tan privilexiado como A Ramallosa, declarado como zona de especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA), o colectivo de persoas voluntarias invitadas a esta terceira actuación de limpeza, entre as que se atopaban as peregrinas e peregrinos en ruta polo Camiño Portugués da Costa, docentes, alumnas e alumnos do CEP Sabarís, a asociación de Saúde Mental Avelaíña e a asociación Dar Máis, voluntarios do COBGA así como Rosa María Domínguez Roda, concelleira de Medio Ambiente do Concello de Baiona, conseguiu retirar máis de 43 quilos de refugallos que nunca deberon chegar ata alí, tanto obxectos extraviados no mar durante as labores relacionadas coa pesca e cos cultivos mariños como os procedentes do propio continente. Entre os primeiros, non faltaron os tarugos plásticos das bateas, as marañas de sedelas, as cordas, os cabos e cabiños ou restos de boias feitas con plástico e escumas sintéticas. Polo que se refire a obxectos de orixe continental como curiosidade unhas gafas de buceo, destacaron polo seu número os botes e botellas tanto plásticas coma de vidro, calzado, obxectos de hixiene persoal como os bastonciños plásticos empregados para limpar os oídos, máscaras, latas, cabichas, canos para beber, así como outra serie de envases, bolsas e envoltorios plásticos e palitos de chupachús fundamentalmente. Contouse coa colaboración do Camping Bayona Playa que cedeu as súas instalacións.

Como complemento á propia actuación de limpeza, repartíronse entre as persoas asistentes, así como entre as peregrinas e peregrinos que pasaban pola zona, marcapáxinas deseñados no seo do proxecto nos que se inclúen toda unha serie de boas prácticas ambientais para levar a cabo no Camiño e aplicables tamén ao noso día a día, como poden ser evitar na medida do posible os envases dun só uso, xestionar os residuos de xeito responsable, non verter residuos ou xabóns en fontes ou ríos, non amontoar pedras, etc.

Despois desta nova actuación de limpeza, son xa 283 os quilos de refugallos retirados de diferentes enclaves do Camiño Portugués da Costa, tras os 220 recollidos na costa rochosa de Portecelo no Rosal, e os 20 retirados a pasada semana na praia de Camposancos, no concello de A Guarda.

Tal e como indican desde o COBGA, o obxectivo perseguido con todas estas actuacións non é outro que o de fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño. Para elo, unha vez rematadas as diferentes limpezas planificadas, a finais do mes de outubro realizarase unha obra artística final dirixida por Carme Hermo e Antón Sobral, reputadas personalidades do mundo da arte galega, na que empregarán diferentes obxectos recuperados durante as limpezas, para ser exposta no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na cidade de Vigo, coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas nefastas consecuencias sobre o medio ambiente.