Nova andaina este sábado, organizada por Lucenza-Ateneo de Nigrán

Lucenza-Ateneo de Nigrán levará a cabo este sábado 1 de outubro ás 17:00 horas unha nova andaina pola zona rural de Nigrán. O lugar de partida será o adro da igrexa de Chandebrito. A camiñada permitirá percorrer outeiros, miradoiros e diferentes lugares de interese situados entre Chandebrito e San Roque de Camos, onde rematará o percorrido.

Esta actividade forma parte do programa “Coidar o territorio” que desenvolve Lucenza. Aprovéitanse estes percorridos para coñecer sectores do municipio menos frecuentados, identificar valores do patrimonio cultural, natural e paisaxístico destas zonas e reflexionar sobre algunhas problemáticas que afectan aos recursos naturais e o territorio.