Nigrán iniciará o próximo martes o traslado de libros á nova biblioteca

A actual Biblioteca Municipal de Nigrán (O Ceán) pechará definitivamente as súas portas o vindeiro martes 4 de outubro para comezar desde ese día o traslado de libros á nova sede en Estrada pola Vía. O futuro edificio foi xa amoblado as pasadas semanas pola empresa adxudicataria Sutega tras investir o Concello a tal efecto 169.158 € do Remanente de Tesourería. Deste xeito, os andeis actualmente baleiros recibirán entre o 4 e o 8 de outubro a totalidade dos 50.000 exemplares que contén o Ceán, ademais de trasladarse determinados mobles para a zona de almacenaxe e depósito. Adicionalmente, o “baleirado” da xa vella Biblioteca permitirá que o alumnado da actividade cultural de música inicie alí o novo curso e se transforme, de facto, na sede da Escola Municipal de Música. A caixa de correos para devolución de libros permanecerá operativa no Ceán mentres dure o traslado.

“Estamos traballando sen parar para que o novo edificio poida abrir as súas portas a finais de outubro, gustaríanos que tivese sido antes pero diferentes procedementos administrativos o foron retardando e non quixemos que o resultado final se vise afectado por présas innecesarias”, sinala o rexedor, Juan González, quen incide en que “se contratou ex profeso a unha empresa de mudanzas especializada no traslado de libros de bibliotecas, polo que será moi áxil”.

Tras concluírse o edificio, o Concello tivo que dotar de equipamento e mobiliario esta instalación que pasa de contar con 120 metros cadrados no Ceán a 1.260 m², xerando espazos novos como a sala infantil independente, zona de estudo ou outra de usos múltiples. “Un edificio infinitamente maior, vangardista e gañador de premios, non podía ser amoblado de calquera xeito, así que confiamos para elo no criterio dos seus mesmos arquitectos co obxectivo de que o resultado global sexa excelente”, explica González.

O mobiliario elixido, con 30 anos de garantía, destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade. “Cada moble foi elixido atendendo á singularidade do espazo e función que vai ocupar porque se quixo dar unha imaxe unitaria que respectase á propia arquitectura do edificio”, explican desde a adxudicataria Sutega, empresa galega responsable de proxectos similares como o amoblamento da Biblioteca Municipal Princesa Doña Leonor (Boadilla del Monte), a Biblioteca Municipal Los Corrales de Buelna (Cantabria) ou o Arquivo Histórico de Ourense e, xa na comarca, das novas oficinas da Zona Franca de Vigo. “Evidentemente as necesidades de mobiliario, equipamento informático etc se multiplican porque contaremos con novos servizos e máis capacidade, con esa premisa se construíu este edificio”, engade o rexedor, quen detalla que se adquiriron unha ducia de ordenadores de mesa para usuarios fronte aos 3 dos que dispón actualmente ou novos equipamentos como un proxector, equipo de son ou televisores e se incluíron plantas naturais para outorgar calidez ao espazo.

Edificio bioclimático

O novo edificio deseñado polo estudio Gándara-Pons ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.