Fernando Valdés celebra o Día Mundial do Turismo en Baiona

O secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, desprazouse hoxe á provincia de Pontevedra para celebrar o Día Mundial do Turismo. Ao longo da xornada, inaugurou o foro TurisTIC en Vigo, anunciou un investimento de preto de 7 millóns de euros para o Parador de Baiona e reuniuse cos alcaldes da Mancomunidade de Salnés.

Desde o foro TurisTIC, Fernando Valdés trasladou a súa felicitación a “todos os homes e mulleres que conforman o sector turístico. A eles debémoslles a celebración dun día como hoxe. Empresas, traballadores, destinos e administracións que traballan con abnegación para facer do turismo un sector cada día máis produtivo e rendible, que siga xerando riqueza e emprego e que continúe entusiasmando a quen decide visitarnos”.

Xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o secretario de Estado reflexionou en TurisTIC acerca da transformación dixital que está a vivir o sector, un proceso de cambio que o Goberno de España está a acompañar cos investimentos do Plan de Recuperación financiadas cos fondos europeos Next Generation. Un dos proxectos máis ambiciosos neste ámbito, o desenvolvemento dunha Plataforma Intelixente de Destino que integre nunha soa solución toda a oferta de servizos que un destino pon ao dispor do turista, contará coa participación de Vigo, segundo adiantou o secretario.

Visita a Baiona

Desde Vigo, Fernando Valdés desprazouse a Baiona, onde percorreu xunto ao alcalde, Carlos Gómez, algunhas das actuacións previstas no Plan de Sustentabilidade Turística que financia o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con dous millóns de euros procedentes dos fondos do Plan de Recuperación.

Este proxecto financiará a mellora do carril bici existente de Baiona, a rehabilitación do paseo Pinzón, melloras na seguridade viaria de peóns e ciclistas, así como un sistema de préstamo de bicicletas, tanto mecánicas como eléctricas que permitan salvar a orografía cara ao interior. O Plan de Sustentabilidade prevé así mesmo a creación dun aparcadoiro disuasorio, a instauración dun sistema de control de aforos e un inventario de recursos naturais e patrimoniais.

A este investimento en Baiona, engádense agora 7 millóns de euros que a Secretaría de Estado de Turismo transferiu a Turespaña para que realice obras de conservación nas zonas históricas visitables do Parador de Baiona. En concreto, actuarase na muralla, na torre da Tenaza, a entrada monumental, as bóvedas da recepción e a ermida. O investimento tamén financiará a iluminación monumental do exterior e intradós da muralla e adarve.

Compromiso do Goberno con Galicia

Durante a súa estancia, Fernando Valdés remarcou que a súa visita á provincia de Pontevedra no Día Mundial do Turismo é mostra do compromiso do Goberno de España con Galicia como destino turístico. “Desde o ano 2020, este Goberno comprometeu 110 millóns de euros en investimentos turísticos para Galicia, unha aposta histórica e inédita ata a data. Deste montante, a provincia de Pontevedra recibiu 31 millóns de euros, liderando a recepción de fondos na Comunidade”, remarcou o secretario de Estado.

Fernando Valdés lembrou que xa o ano pasado Galicia foi a Comunidade Autónoma máis beneficiada dentro do Plan Nacional Turístico Xacobeo, e agora vólveo a ser co programa de investimentos no patrimonio histórico da rede de Paradores, con 23,6 millóns de euros dos 81,4 millóns de euros do total no conxunto do país.