O Concello de Nigrán ofrece dende o luns 15 de xullo ata este venres 19 de xullo tres concertos de violoncellistas que asisten no CEE de Panxón ao curso de verán da Asociación de Violoncellistas de Galicia Soncello. Este curso inclúe a celebración destes concertos, levados a cabo por músicos convidados, profesores e o propio alumnado, e son de entrada gratuíta. O último dos concertos será este venres 19 de xullo, ás 22:00 horas no patio exterior do CEE de Panxón, co alumnado e profesorado do IV Curso Soncello.
Este curso de verán (dirixido a músicos de tódolos niveis) inclúe clases individuais e colectivas coas profesoras Carolina Landriscini, Isabel Font e Isabel Figueroa, clases e ensaios de conxunto, orquestra de violoncellos, obradoiros de técnica (Carolina Landriscini), violoncello barroco (Fernando Santiago) ou improvisación libre (Margarida Mariño), Pilates (Isabel Font) ademais de outras actividades de tipo lúdico e de lecer.

