O IEM convoca o II concurso fotográfico “Patrimonio e Auga”

O Instituto de Estudos Miñoráns convoca o II concurso fotográfico “Patrimonio e Auga”, que pretende ser un punto de encontro para afeccionados á fotografía e sensibles ás temáticas relacionadas co medio, ca contorna e o patrimonio. Poderán concorrer a este concurso as persoas afeccionadas á fotografía, maiores de idade, sempre que os seus traballos se axusten ás bases do mesmo. Establécese unha categoría avaliada polo xurado e outra avaliada na rede social facebook polo público que o desexe.

A temática será o patrimonio e a auga: na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba/A Valga. Valorarase a orixinalidade da proposta, capacidade para provocar emocións cara á temática, calidade estética e técnica. As fotografías deberán ser orixinais e inéditas. Poderán ser en branco e negro ou a cor. As fotografías presentaranse en formato dixital en tamaño 30×45 cms (300 píxeles por polgada). Os participantes poderán enviar dúas fotografías como máximo, propiedade do autor/a que se presente ao concurso.

As fotografías non levarán marcas de auga, palabras ou nomes que as identifiquen. En ningún caso se admitirán fotografías que supoñan un prexuízo á integridade física ou moral de persoas individuais ou de todo tipo de colectivos. Non se terán en conta para o concurso as fotografías que sexan fotomontaxes. As fotografías poderán presentarse ata o 18 de novembro por correo electrónico (oficina@iem.gal), titulando cada fotografía cun nome. No correo electrónico aparecerán tamén os datos persoais do autor (nome e apelidos, DNI e teléfono).

O xurado estará formado por fotógrafos profesionais e por integrantes da xunta de goberno do IEM. Os nomes dos premiados publicaranse nas redes sociais e na web do IEM a partir do 17 de decembro.

Premios e exposición

  • Premio Xurado: 250 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
  • Premio Público: 150 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
  • 2 accésit Xurado: Revelado 30×45 + publicación na REM
  • 2 accésit Público: Revelado 30×45 + publicación na REM
  • 14 finalistas: Publicaranse as súas fotografías na exposición e na revista REM

O IEM revelará as fotografías premiadas en tamaño 30×45 para a súa exposición. A entrega de premios e a inauguración da exposición fotográfica será o día 16 de decembro do 2022 no Multiusos Mercado de Sabarís.