O cántabro Manuel Hoyuela gaña en Baiona o Campionato de España de SUP Race de Resistencia

Intensa xornada deportiva durante o Campionato de España de SUP Race de Resistencia o pasado sábado 25 de setembro en Baiona, baixo a gran organización do Club Waira e todo o seu equipo. O forte vento non lles puxo as cousas fáciles aos competidores, onde ademais, puntuaban para a Copa de España da Federación Española de Surf e tamén para o Campionato Galego de SUP Race.

Máis de 65 competidores procedentes de diferentes puntos de Galicia e outras comunidades autónomas déronse cita desde primeira hora da mañá na praia da Ribeira baixo un gran día de sol, pero cun forte vento que produciu cambios nos percorridos das categorías SUB 12 e SUB 14, realizando finalmente un percorrido pola zona do porto, sendo moi vistoso para todo o público.

Sofía Puñal e Antonio Martín Brion subiron ao máis alto do podio en SUB 12, mentres Daniel Folgar demostrou tamén un gran rendemento levándose o primeiro posto na categoría SUB 14. O traballo de base e a canteira do SUP en Galicia non para de crecer, sendo unha das comunidades que máis deportistas está a achegar a este deporte.

Pola tarde, desenvolvéronse o resto de categorías seguindo os percorridos previstos con diferentes condicións fronte á costa de Baiona. Un bo grupo de competidores Amateurs viviron a experiencia de participar nunha competición de SUP, facendo un gran papel e sendo ovacionados na súa chegada a meta.

A categoría SUB 16 asombrounos polo seu espectacular rendemento nestas duras condicións, con Iván Puente conseguindo a primeira posición por diante de Pablo Blanco e Diogo Guerra. Mentres que Paloma Porta conseguiu o primeiro posto na categoría feminina.

Tamén o protagonismo estivo a cargo dos participantes que puntuaban para a Copa de España e de Resistencia, realizando distancias de entre 10km e 21km, e onde polas duras condicións do vento, houbo varios abandonos. Esta competición puxo a proba a moitos competidores, xerando moita emoción en cada volta que realizaban ao circuíto.

O mozo cántabro Manuel Hoyuela subiu ao máis alto do podio tanto en Resistencia como na Copa de España, remando un total de 2hs 31min. O galego Nicolás Barreiro fixo dobrete pero en segundo lugar por diante de Manuel Mata en Resistencia, quedando en terceiro lugar Antón Sanz na Copa de España. En canto ás mozas, a moza Ana Marta Pérez foi a única participante que puido realizar o circuíto completo da Copa de España, levándose o título de campioa desta competición. Sen esquecer o gran esforzo realizado polo resto de mozas que participaron e dérono todo aínda que non completasen o percorrido.

A xornada finalizaría coa entrega de premios e a presenza das autoridades locais que tamén gozaron do campionato. Insistimos na gran valentía de tod@s e cada un dos participantes durante esta xornada de competición, tanto os que completaron os seus circuítos como os que tiveron que abandonar debido ás duras condicións.

Agradecer ao club Waira e ás entidades locais por apoiar unha vez máis a Stand Up Pádel, un deporte que segue crecendo en Galicia e atrae a outros deportistas de toda España.

Texto e fotos: Nicolás Arnedo Lombardo. Up Suping