Investigan penalmente a un furtivo de Nigrán por quebrantar unha condena que lle prohibía marisquear

A Garda Civil investiga penalmente a un mariscador furtivo por quebrantar unha condena en vigor, que lle inhabilita para exercer actividades relacionadas co marisqueo e a pesca.

Trátase dun veciño de Nigrán, de 46 anos, cun amplo historial relacionado co furtivismo, que foi observado o pasado día 19 por efectivos do servizo de Garda Pesca da Confraría de Pescadores de Baiona cando estaba a capturar percebes nun espazo vedado na zona de Monteferro, no municipio de Nigrán.

Unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Gondomar atendeu a chamada de alerta dos efectivos de Garda Pesca, que tiñan coñecemento do vehículo no que se desprazaba este coñecido furtivo.

Poucas horas despois, esta persoa foi interceptada nun dispositivo de control que establecera a patrulla da Garda Civil do Posto de Gondomar na estrada EP.2105, á saída de Monteferro. Viaxaba nunha furgoneta acompañado doutro individuo que supostamente exercía desde terra as funcións de vixilancia para alertar da chegada dos garda pesca. No interior do vehículo transportaba 2,5 kg., de percebes.

Posteriormente, nunha minuciosa inspección do terreo onde estivo a faenar atopáronse escondidos entre as rochas un pantalón de neopreno e as ferramentas que adoita utilizar para a extracción do percebe, que lle foron intervidas.

Ao constatar a súa identidade, notificóuselle a condición penal de investigado por quebrantar a condena ditada o ano pasado polo Xulgado do Penal Nº 1 de Vigo, que lle impoñía unha pena de inhabilitación especial de 3 anos e 6 meses para o exercicio de actividades de marisqueo e pesca.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Garda de Vigo.