
Fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño de Santiago implicando á poboación, a peregrinos e peregrinas, ao tecido asociativo e a diversas entidades. Ese é o obxectivo de “Stop and help! que o lixo non chegue ao mar”, un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que, en colaboración coa Asociación A Jalleira e co Concello, chega o próximo mércores 28 de setembro a Baiona cunha xornada de limpeza de lixo mariño na praia Ladeira.
Nesta acción de retirada de residuos en Baiona, ademais de convidar ás peregrinas e peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa, contarase coa participación das voluntarias e voluntarios do COBGA, de Avelaíña Asociación Saúde Mental, CEP Sabarís e do Concello de Baiona. Unha iniciativa coa que todas e todos podemos achegar o noso gran de area para acabar cun problema que afecta a toda a poboación. Será seguro unha xornada de limpeza pero tamén de convivencia, aprendizaxe e concienciación sobre como protexer e coidar os nosos mares e océanos.
A iniciativa, que percorrerá outros concellos da comarca, rematará cunha intervención artística final con parte dos refugallos retirados a cargo de reputadas personalidades do mundo da arte contemporánea galega, expertas no eido das intervencións arte-natureza, como Carme Hermo ou Antón Sobral. O resultado final exporase no centro de visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.