
O Concello de Nigrán ofrece este venres 23 de setembro ás 20:00 horas no Pavillón Municipal de Panxón a charla-coloquio “O reto do surf adaptado”. Esta estará protagonizada polo vasco Aitor Francesena “Gallo” (campión mundial invidente absoluto), o grancanario Óscar Pérez (subcampión mundial con visión moi reducida) e o catalán Víctor Alias (fundador da ONG catalá SUPerando que traballa pola inclusión das persoas a través do surf e SUP). Os tres establecerán un coloquio, contarán a súa experiencia persoal neste deporte e responderán ás cuestión dos asistentes. O consistorio organiza esta charla no marco do Campionato de España de Surf Adaptado e da “Copa Concello de Nigrán” que se desenvolve durante todo este venres e sábado en Patos.
“É algo máis que unha charla, é unha lección de vida. O ano pasado ‘Gallo’ deixou unha pegada moi grande no alumnado dos institutos de Nigrán ao contarlles persoalmente a súa experiencia como deportista de elite primeiro con visión e despois totalmente cego. Agora queremos ampliar esta charla a toda a cidadanía e engadir máis experiencias en primeira persoa”, explica o alcalde, Juan González.
O evento deportivo que arranca mañá en Patos está promovido desde Quenlla Surf Club, Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal “Un Nigrán para todos”. A maiores, o Concello ofrecerá o sábado ás 21:00 horas o seu festival “Rock in Patos” coa presenza de MITIC e como colofón musical ao campionato.
Aitor Francesena “Gallo”
“Gallo” é un pioneiro en moitos sentidos no mundo do surf: por ter aberto a primeira escola de surf do país en 1988 e ser o primeiro adestrador neste deporte tamén a nivel estatal (foi tamén seleccionador nacional) cando aínda conservaba a vista nun dos seus ollos, e despois, nunha segunda etapa da súa vida xa completamente cego, por acadar o campionato nacional, internacional e mundial de surf adaptado na categoría invidente (títulos que revalidou en Nigrán o ano pasado).
Víctor Alias
Fundador de SUPerando, unha asociación catalá sen ánimo de lucro que fomenta o benestar e a inclusión das persoas con diversidade funcional e/o en risco de exclusión social a través da práctica de deportes acuáticos nunha contorna inclusiva. “Como organización temos a crenza firme de que toda persoa ten os mesmos dereitos para gozar da práctica deportiva con independencia das súas capacidades ou situación social e económica. A presenza de persoas con realidades diferentes é a garantía de valorar e recoñecer a diversidade humana”, explica.
Óscar Pérez
O grancanario Óscar Pérez ten unha visión moi limitada. Foi subcampión na ISA World ParaSurfing Championship 2021 por equipos, na cita celebrada entre o 6 e o 11 decembro en Pismo Beach, California. Na proba individual, na categoría VI2, alzouse co sexto posto. Con anterioridade, o raider do Club Costa Esta Gran Canaria xa fora campión e subcampión de España.