Baiona recibe ao alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo tras o parón do COVID

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, recibiu no Concello a un grupo de estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires. Nesta ocasión, a visita foi aínda máis especial, se cabe, pois a visita a Galicia do estudantado viuse interrompida hai dous anos con motivo da crise sanitaria do COVID. O rexedor deu a benvida aos mozos e mozas resaltando “a importancia destes proxectos internacionais, xa que aparte de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Arxentina, serven para afianzar os lazos entre ambos os dous lugares, moi unidos debido á gran cantidade de galegos, entre eles moitos baioneses e baionesas, que emigraron a este país”.

O alumnado recibido no consistorio son estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade. O estudantado, na súa gran maioría descendentes de galegos e galegas, reciben clases de lingua galega así como tamén materias de cultura galega, historia de Galicia, xeografía… Os mozos atópanse no seu último curso de estudos e antes de iniciar a universidade realizan a viaxe a Galicia como excursión de fin de curso. Chegaron á nosa comunidade hai uns días e durante 15 días percorrerán diferentes zonas de Galicia. Xa estiveron en Santiago de Compostela e na Coruña, e prevén percorrer as catro provincias.

Antes da recepción na Casa do Concello de Baiona, os mozos fixeron un interesante percorrido pola Casa da Navegación, guiados polas instalacións pola directora do museo. Así mesmo, fixeron unha visita á réplica da Carabela Pinta.