Baiona nomea a Iria Ludeña Madriña dos Deportes Náuticos 2023

O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu un acto de recoñecemento á traxectoria da deportista baionesa Iria Ludeña. Durante este acto, a padeeira foi sorprendida coa noticia de que o Concello de Baiona converteuna na Madriña dos Deportes Náuticos 2023. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, o Concelleiro de Actividades Marítimas, Joaquín López Goce, e a Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez, fixeron entrega dun agasallo institucional e un ramo de flores. O agasallo institucional trátase dunha Carabela Pinta de metal negro cunha inscrición na que figura o seu nomeamento como: “Madriña dos Deportes Náuticos 2023 do Concello de Baiona”.

“Desde o Concello de Baiona en xeral e desde a Concellería de Actividades Marítimas en particular, fixémosche vir non só para recoñecer a túa traxectoria e os éxitos conseguidos ata hoxe, senón que queremos destacar e salientar o esforzo, o traballo, a dedicación e o compromiso que se adquire a través do deporte. Por iso, como exemplo de deportista desde temperá idade, é un orgullo para todos nomearche madriña dos eventos náuticos do 2023 no Concello de Baiona”, foron as palabras elixidas para desvelar a sorpresa.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a carreira deportiva da baionesa. “É un orgullo para Baiona ter unha veciña que demostrou con fartura que os límites non existen e que os obstáculos se poden superar con tesón, ilusión e deportividade. Es un exemplo para seguir polo resto de baionesas e baionesas e tamén un exemplo que demostra que o deporte se pode compatibilizar cos bos estudos. Grazas por levar o nome de Baiona alá por onde vas”.

A deportista baionesa estivo arroupada no acto pola súa familia e por unha representación do Monte Real Club de Yates, “os padriños dos deportes náuticos de Baiona”. Daniel Benavides Alonso, Xefe Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, tamén participou no acto.