O Monte Real recibe en Baiona á tripulación do Pequod no seu Camiño Azul

O Monte Real Club de Yates de Baiona recibiu esta fin de semana unha visita moi especial, a do Pequod, un histórico veleiro (o primeiro con bandeira arxentina que chegou á Antártida en 1987) que está a piques de converterse no primeiro en completar o Camiño Azul (da mar océana), unha peregrinación única que une a Antártida con Santiago de Compostela.

A bordo do barco, cuxo nome rende homenaxe ao que Herman Melville inmortalizou en Moby Dick, vai Manuel Pardi Rial, un arxentino descendente de galegos que o pasado 23 de abril partiu desde o Yacht Club Arxentino de Bos Aires rumbo ao continente antártico.

Lucindo as bandeiras arxentina, brasileira, portuguesa e española, e numerosas grímpolas dos clubs polos que pasou, entre elas agora tamén a do Monte Real Club de Yates, o Pequod leva tamén por bandeira unha mensaxe de “paz, fe, amor, fraternidade entre os pobos e respecto polo medio ambiente”, asegura Pardi, quen anima a todos a “perseguir os seus soños e conectarse coa natureza”.

Tras o seu paso por Baiona, onde foi recibida polo presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, a tripulación do Pequod, da que tamén forma parte Silvia Alicia Rodríguez, muller de Pardi Rial, está a piques de cumprir unha aventura que empezaron a planificar en 2018, cando un cruceiro de pedra levado desde Galicia á parroquia bonairense de San Ignacio de Loyola, inspirou á parella para facer a peregrinación.

Unha vez complete o seu histórico Camiño Azul, a intención de Manuel Pardi é quedar un tempo en España antes de emprender a volta a Arxentina, cuxa chegada teñen prevista para febreiro do ano que vén. Moito dese tempo pasarano en Galicia, visitando a familiares, xa que as orixes de Pardi están aquí.