O festival “Rock in Patos” de Nigrán despide o verán co concerto de “MITIC”

O Concello de Nigrán despide o verán este sábado 24 de setembro co seu senlleiro festival “Rock in Patos”, protagonizado nesta edición polo espectáculo de “MITIC” na súa versión máis roqueira. Nesta ocasión o evento musical atrasouse a esta data para coincidir precisamente coa celebración do Campionato de España de Surf Adaptado no propio areal, polo que suporá o broche de ouro á competición deportiva que xa o ano pasado reuniu neste lugar a centos de participantes de todo o país. O escenario elixido para que os amantes do rock gocen da música en directo será a zona de aparcamento das escolas de surf, onde tivo lugar o primeiro Rock in Patos no 2019, desde as 21:00 horas. A entrada é de balde ata completarse o aforo. Como todos os eventos do Concello de Nigrán, será un concerto inclusivo grazas ás cinco mochilas vibratorias do Concello de Nigrán para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.

“Viviremos un solpor espectacular cara a Praia de Patos con música rock en directo nun formato nada habitual, xa que a gaita é a gran protagonista en MITIC”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña precisamente o feito de que este “Rock in Patos” coincidirá coa presenza no areal de surfistas discapacitados de todo o país e as súas familias. “Cremos que está máis que xustificado atrasalo ata esta data”, resume González sobre este festival que, ata agora, se festexaba na última fin de semana de agosto a modo de peche da programación estival.

O Show de MITIC empezou a xestarse a primeiros de 2016 da man dos irmáns Álvaro e Suso Costas, a pianista Cris Macías e o flautista Iago Lariño e para este festival formarán unha auténtica banda de Rock con 7 músicos no escenario coroados pola gaita galega de Álvaro Costas. Esta será a protagonista de famosos temas de Guns&Roses, Bon Jovi, Queen ou The Beatles, xa que se trata dun espectáculo innovador que descubre novos límites para este instrumento, o pon a proba e o integra no repertorio. MITIC ofrece ademais a oportunidade de ver en directo a única gaita funcional Led do mundo e, dalgunha forma, reivindica no seu conxunto unha segunda oportunidade aos “gaitafóbicos” grazas ao seu contundente e rodado directo por todo o país.