Paula Bouzós acusa a Paco Ferreira de mentir ás Comisións de Festas de Gondomar

O pasado sábado varios veciños de Peitieiros e doutras parroquias que acudiron á festa dos Milagres, queixáronse polo apagado das luces públicas na estrada provincial ao seu paso polo lugar onde se celebraban as festas. A voceira do Partido Popular de Gondomar fíxose eco destas denuncias no seu Facebook e enseguida xurdiron as críticas do alcalde, que a acusaba de demagoxia, afirmando que o apagado do alumeado produciuse pola petición da propia Comisión de Festas. Foi unha membro da Comisión quen tamén contestou na publicación de Paula Bouzós, afirmando que “Bo día, informar que o tramo de alumeado público apagado foi unha petición da comisión de festas para que lucise o alumeado da festa”. Estas afirmacións foron referendadas polo alcalde cando na mesma publicación dixo que “eles solicitan e nos apagamos”.

As reaccións tamén xurdiron de persoas que afirmaban que co apagado do alumeado público podíase poñer en perigo a seguridade dos usuarios da vía, e máis nun día no que aumentaba, e moito, a cantidade de persoas que neses momentos ían circular pola mesma. Debido a todo isto a voceira do PP solicitou ao Concello que lle entregase a solicitude de apagado do alumeado para verificar que o alcalde non estaba mentindo e ao mesmo tempo o plan de evacuación para asegurarse que con esta medida non se estaba incumprindo dito plan nin se estaba poñendo en perigo a seguridade dos asistentes ás festas.

A sorpresa chegou ao día seguinte cando sen haber festas as luces públicas seguían apagadas e o luns a brigada municipal de alumeado público realizaba tarefas de reparación na zona afectada polo “apagamento”. Pero o máis curioso foi días despois, cando a mesma directiva que afirmou que fora a comisión quen solicitara o apagado das luces publicou a seguinte mensaxe: “no sabía yo que las Comisiones de Fiestas teníamos tanto poder, nos creemos todo lo que se publica y lo peor que entramos a trapo sin pensarlo. Las Comisiones trabajamos mucho para poder hacer las Fiestas, para disfrute de tod@s, pero hay competencias que no son nuestras, y si el alumbrado falló ese día, mala suerte, no creo que fuera culpa ni del gobierno, ni nuestra”. Con isto dende o Partido Popular xurde a dúbida de si realmente foi solicitado ou non o apagado do alumeado ao mesmo tempo que se confirma que a realidade foi que o alumeado sufriu unha avaría que o Concello non reparou para as festas, e o alcalde tratou de tapar a súa incapacidade acusando á voceira do Partido Popular de demagóxica cando realmente o que non estaba ao tanto da situación era el.

“O Partido Popular non está fiscalizando ás Comisións de Festas como afirma o Sr. Ferreira, o único que fiscalizamos é ao goberno municipal que para iso fomos elixidos, e o que pretendemos con estas medidas é garantir a seguridade dos veciños. O primeiro que debe cumprir co Plan de Evacuación é o goberno municipal que para iso pídello ás Comisións de Festas como requisito previo para a concesión do permiso para a celebración das festas, que lles costa a cada comisión uns 450 euros. Ben podía o Concello realizar un plan de evacuación integral para todos os recintos onde se celebran as festas todos os anos, como fan noutros Concellos e deste xeito as comisións aforrarían estes cartos que todos sabemos o moito que costa conseguilos. Poden estar tranquilas as Comisións de Festas que o Partido Popular non vai a exercitar un control sobre elas, máis ben todo o contrario, imos axudalas en todo o que poidamos como viñemos facendo ata o de agora”, afirma Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.

O PP acusa ao alcalde de usar a mentira e a demagoxia para desprestixiar á súa voceira, utilizando o traballo das Comisións de Festas no seu propio beneficio. Consideran que as Comisións de Festas xa teñen traballo arreo para que todos os veciños poidan desfrutar dun tempo de lecer e divertimento para que Ferreira as teña que meter nas contendas políticas. Ao mesmo tempo aconséllanlle que o que debería facer como alcalde é apoialas máis, coordinando as actividades culturais que organiza o Concello coas celebracións das festas nas parroquias para que ambas sexan complementarias e non competidoras entre si.