Arranca o Miñor Sóns con concertos didácticos nos institutos da comarca

O Concello de Nigrán abre hoxe ás 21:00 horas no terreiro das Angustias a primeira edición do festival internacional Miñor Sóns, dedicado a promover as músicas tradicionais do mundo en toda a comarca. Neste evento organizado entre a Mancomunidade do Val Miñor e o grupo anfitrión local TradiSóns o gran prato forte será o grupo xeorxiano Quintet Urmuli, considerado unanimemente como o mellor da ex república soviética no seu eido e que viaxa ex profeso a España para este evento. Xunto a el estará presente Mayalde (Salamanca) grupo familiar de recoñecido prestixio en toda a Península polo seu traballo de rescate, divulgación e popularización dos ritmos musicais que se transmiten de xeración en xeración por vía oral; o mallorquín Xeremiers de Sóller coas súas “xeremías” (instrumento similar á gaita propio de Mallorca) e o anfitrión TradiSón, con sede en Gondomar e que festexa deste xeito o seu décimo aniversario. Dentro desta xornada festiva, desde as 20:00 horas haberá animación de rúa desde o centro de Nigrán ao terreiro das Angustias a cargo do grupo Malas Herbas e da Treboada Os Terribles de Tomiño.

Como parte do obxectivo didáctico do festival e de promoción da música de raíz entre a mocidade, os catro grupos iniciaron hoxe os seus concertos didácticos por todos os institutos da comarca, sendo hoxe quenda do IES Proval e o luns do IES Val Miñor. O Miñor Sóns continúa co mesmo cartel o sábado 17 en Gondomar (Praza da Paradela, 21:00 horas) e domingo 18 en Baiona (Praza do Concello, 19:00 horas), limitándose o luns 19 aos concertos didácticos nos centros educativos. “Estamos moi orgullosos de abrir esta primeira edición con grupos de gran alto prestixio e nun lugar tan vinculado á tradición de Nigrán como é o terreiro das Angustias”, resume o alcalde e presidente da Mancomunidade, Juan González.