O GALP Ría de Vigo-A Guarda celebra un foro participativo para debater sobre a nova EDLP

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda está a traballar na elaboración da nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e para iso quere contar coa opinión do sector pesqueiro, social, económico e da cidadanía no seu conxunto, dos municipios da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda).

No marco da planificación estratéxica 2022-2027 e como ferramentas do proceso participativo aberto aos actores do territorio, estanse a desenvolver unha batería de accións para recompilar a diversidade de opinións respecto á construción da estratexia. Unha estratexia para a cal o GALP Ría de Vigo-A Guarda solicitou 10 millóns de euros para poñela en marcha e contribuír ao impulso dos proxectos vencellados ao mar da zona.

Realizadas unha enquisa e diversas mesas participativas, o GALP convoca ás entidades, axentes e persoas interesadas no deseño da EDLP a asistir a un foro participativo que se celebrará o vindeiro 19 de setembro ás 16:30 horas no Edificio Virxe do Carme do Porto de Vigo. Un encontro no que se debaterá sobre o enfoque das diferentes liñas que constituirán esta nova folla de ruta.

Desde o grupo animan á cidadanía a participar nesta xuntanza que contará cunha degustación de produtos locais ao remate. As persoas interesadas deberán confirmar asistencia chamando ao teléfono 986 358 109 ou ben enviando un correo electrónico a galpvigoaguarda@yahoo.es.