COGAMI invita a notificar incidencias de accesibilidade nas contornas a través da aplicación móbil “AccesibilidApp”

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade para promover a recollida de incidencias de accesibilidade mediante o uso da aplicación móbil “AccesibilidApp”.

Durante a Semana Europea da Mobilidade que se celebra do 16 ao 22 de setembro, dende o movemento asociativo da discapacidade queren animar á xente a que recolla incidencias a través da ferramenta tecnolóxica “AccesibilidApp”, co fin de que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sostibles para a cidadanía.

Dende COGAMI preténdese implicar a toda a sociedade na recollida de incidencias coa aplicación “AccesibilidApp”, ferramenta de participación cidadá, desenvolvida por COCEMFE e Fundación Vodafone España, que resulta gratuíta e aberta, que permite recoller as incidencias en accesibilidade que se vaian atopando cando se deambula polas rúas. Na aplicación pódense incluír imaxes da incidencia e a súa localización.

Neste aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil como xa fixeron as 2.717 persoas rexistradas, chegaron a recollerse un total de 750 incidencias dende a súa posta en marcha no ano 2019, das que 418 foron recollidas durante este ano.

Os vaos para cruzar a beirarrúa que moitas veces teñen chanzos que imposibilitan o paso a persoas usuarias de cadeiras de rodas, os problemas de pavimentos en mal estado, beirarrúas demasiado estreitas que impiden o acceso dunha persoa con mobilidade reducida ou deficiencias na sinalización táctil, foron algunhas das temáticas das incidencias máis repetidas ao longo deste ano.

Todas estas incidencias recollidas a través do aplicativo, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, co fin de solicitar a súa corrección na maior brevidade de tempo. Dende a Confederación xa foron trasladadas, comunicadas e tratadas 481 destas incidencias a concellos como o de Lugo, Santiago, Cambados e Silleda.

Na medida en que os transportes, contornas e servizos sexan accesibles a todas as persoas, as comunidades serán máis inclusivas, seguras e saudables para toda a cidadanía, reducindo as desigualdades. Para isto, dende COGAMI e COCEMFE quérese implicar a toda a sociedade na recollida de incidencias con “AccesibilidApp” relacionadas coa falta de seguridade e accesibilidade na contorna e no acceso aos recursos sociosanitarios.