Baiona reorganiza as súas áreas de goberno coa entrada da nova concelleira Andrea Pérez González

Andrea Pérez González será mañá oficialmente concelleira do Equipo de Goberno do Concello de Baiona. A toma de posesión producirase este xoves, 15 de setembro, no pleno ordinario convocado ás doce da mañá. Tras a marcha do concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz Encinas, por cuestións laborais, Pérez González entra no consistorio como titular da Concellería de Deportes, Comercio e Mercado.

Coa incorporación da nova edil, o alcalde reorganizou as áreas de goberno. Con este cambio, o primeiro tenente de alcalde de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, modifica parte das súas responsabilidades, pasando a ocuparse tamén da área de Urbanismo. Deste xeito, Martínez quedará á fronte da Concellería de Urbanismo, Vías e Obras, Iluminación Pública e Seguridade Cidadá. Tamén verá modificadas as súas responsabilidades Miriam Costas Iriarte, que pasará a área de Deportes á nova concelleira, co que pasará a estar ao cargo en exclusiva da Concellería de Cultura.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, dá a benvida á nova concelleira do equipo de Goberno e destaca que “asumir estas responsabilidades nos últimos nove meses desta lexislatura é todo un reto, tanto para ela como para o grupo de goberno, pero que ao mesmo tempo, estou convencido de que coas súas capacidades e co seu compromiso vai poder asumir as súa tarefas sen ningún tipo de problema”.

O resto de Concellerías non van experimentar cambios, polo que o Equipo de Goberno do Concello de Baiona quedará da seguinte forma, tras o pleno de mañá:

  • Concellería de Turismo, Vivenda e Mar: Carlos Gómez Prado, Alcalde.
  • Concellería de Urbanismo, Vías e Obras, Alumeado público e Seguridade Cidadá: Óscar Martínez Álvarez, Primeiro Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Facenda, Organización e Recursos Humanos: Luis Carlos de la Peña Arizaga, Segundo Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Medio Rural e Participación Cidadá: Iago Pereira Moreda, Terceiro Tenente de Alcalde.
  • Concellería de Medio Ambiente e Parroquias: Rosa María Domínguez Roda.
  • Concellería de Servizos Sociais, Mobilidade e Accesibilidade: Concepción Vara Rodríguez.
  • Concellería de Cultura: Miriam Costas Iriarte.
  • Concellería de Deportes, Comercio y Mercado: Andrea Pérez González.
  • Concellería de Educación e Emprego: Óscar Carreño Miniño.
  • Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías: Yasmina Moreira Costas.