Baiona profunda na súa aposta pola recuperación da gran romaría de San Cosme e San Damián

O Concello de Baiona abre o prazo para a presentación de solicitudes de venda ambulante durante a Festa do Mel e as Noces que se celebrará os próximos 24, 25 e 26 de setembro con motivo da Romaría de San Cosme e San Damián. Nos distintos postos de venda ofertaranse produtos do campo, comida, artesanía ou plantas, que poderán instalarse este ano nunha nova edición da Festa do Mel e das Noces de Baiona, organizada pola Concellería de Cultura para manter vivas as tradicións e costumes da Vila durante a Romaría de San Cosme e San Damián.

O prazo de solicitudes pecharase o próximo 23 de setembro. A solicitude e a declaración responsable pódese descargar da páxina web do Concello de Baiona, http://www.baiona.gal (para máis información poñerse en contacto no número de teléfono 986 385 921). As solicitudes deberán presentarse na data indicada por rexistro de entrada do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou pola Sede electrónica (www.baiona.gal). Entre o 24, 25 e o 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeus ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos.

Durante tres días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón. Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas.

En canto á adxudicación das autorizacións, unha vez terminado o prazo de instancias, procederase á concesión dos postos e a información será publicada na páxina web municipal http://www.baiona.gal. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que “o Concello de Baiona profunda na súa aposta pola recuperación da gran romaría de San Cosme e San Damián no municipio, con tres días de programación. Se aposta pola liña de recuperación e posta en valor do arraigamento desta tradicional festa. Trátase dunha celebración que suma legado e vangarda vinculada ao ámbito tradicional por iso desde o Concello de Baiona envorcámonos para que brille como se merece”.