
O Concello de Nigrán, no marco do 20 aniversario do falecemento de Carlos Casares, e da man da Fundación Carlos Casares, ofrece este sábado 17 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto “Tocata e Fuga”, composto ex-profeso para o escritor e veciño de Nigrán no ano 2017. Trátase dunha actuación literario-musical na que se cantan e recitan unha serie de textos que xiran ao redor da figura e a obra de Casares. Todo son narracións orixinais escritas por Xosé Carlos Caneiro e con música de Emilio Rúa. Ambos os dous convocan e celebran a Carlos Casares e a súa obra mediante poemas, cancións, e narracións. A entrada é de balde ata completarse o aforo.
Este espectáculo, dirixido a todos os públicos, desenvólvese en forma de velada literario musical, e foi composto para homenaxear ao escritor durante o seu ano das Letras Galegas (2017). O uso da lingua galega, a inclusión dunha serie de referencias explícitas e a coidada factura de letras e música, buscan apoiar o uso e a extensión do idioma: animar aos neofalantes, consolidar aos bilingües e recuperar aos que polo medio social ou pola distancia o foron perdendo. E sobre todo, hai un obxectivo máis, que é lembrar ao escritor e veciño de Nigrán (os seus restos repousan no Cemiterio Municipal de Nigrán, no Ceán) cando se cumpre o 20º cabodano da súa morte. O evento conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, no seu programa FalaRedes.
“Este é un máis dos actos que organizamos desde o Concello neste 20 aniversario para honrar a un dos nosos veciños máis ilustres. Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí viran medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen precisamente desde o Concello convocou o curso pasado, neste contexto, o I Certame Literario Infantil e Xuvenil Carlos Casares.