A vendima solidaria de Bodegas La Val destinarase a APAMP

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, iniciou un ano máis a vendima coa súa tradicional Vendima Solidaria. Nesta ocasión foron as persoas pertencentes a APAMP, a Asociación que contribúe ao desenvolvemento do proxecto de vida persoas con parálise cerebral, quen acudiu á adega para a presentación da que será a sexta Edición Limitada de La Val Solidario 2022. Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación dun viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a súa etiqueta.

O importe íntegro da venda deste viño “La Val Solidario 2022” irá destinado a APAMP, a asociación que presta os apoios necesarios a persoas con parálise cerebral e ás súas familias, facilitando oportunidades para que poidan tomar as súas propias decisións e participar activamente na sociedade. Durante esta VI Vendima Solidaria, Antonio Ruiloba, socio administrador de Bodegas La Val, afirmou: “Para nós é fundamental poder seguir realizando este tipo de accións solidarias e colaborar con asociacións como APAMP xa que realizan un labor importantísimo e moi necesario”.

Ademais, Fernando Bandeira, socio xerente de Bodegas La Val, fálanos da vendima 2022; “A pesar da longa seca, interrompida agora pola choiva en plena recollida, está a ser unha vendima cunha uva sa e con bos parámetros de calidade. En canto a cantidade, aínda é pronto para facer unha valoración, pero todo indica que estaremos en cifras inferiores ás da vendima de 2021, pero moi preto das previsións que tiñamos”.

Continuar co camiño solidario

Esta é a sexta vez que Bodegas La Val organiza a Vendima Solidaria, que virá acompañada pola elaboración do albariño La Val Solidario 2022, do que o importe íntegro da súa venda irá destinado a unha causa solidaria. En pasadas edicións desta acción as beneficiarias foron as seguintes: No ano 2017 ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia), en 2018 ASPANAEX (Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra), en 2019 ALENTO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido), en 2020 FUNDACIÓN MENELA (Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia) e en 2021 DISCAMINO (Proxecto que une discapacidade e Camiño de Santiago).