O BNG denuncia que PSOE e PP deixan sen servizos de conciliación ás familias do alumnado de Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que PSOE e PP deixan sen servizos de conciliación ás familias do alumnado de Gondomar. O goberno local do PSOE de Ferreira négase a prestar o servizo de aulas matinais e o da Xunta do PP non dará o comedor ao CRA Antía Cal. Así o deixaron patente os grupos de Paco Ferreira e de Paula Bouzós co seu voto en contra da moción do BNG debatida no pleno deste mes de setembro.

A iniciativa presentada pola organización nacionalista instaba ao goberno da Xunta a garantir, para o recentemente estreado curso 2022-2023, o acceso ao servizo de comedor a todas as familias que así o solicitaran, incluídas as do alumnado de todas as aulas parroquiais do CRA, e ao goberno local a asumir a xestión das aulas matinais. Ambos os dous servizos son medidas esenciais para a conciliación e para a promoción da igualdade real das mulleres, dado o seu papel, aínda hoxe, de principais coidadoras.

O BNG segue a reclamar á Xunta que oferte o servizo dos comedores para todas as crianzas que cursan segundo ciclo de infantil nas aulas do colexio rural, tal como prometera. Porque, contrariamente ao asegurado pola Portavoz municipal do PP local no pleno, a día de hoxe só teñen dereito a comedor aquelas que xa usaban o servizo no ano anterior, como excepción e até que completen a súa escolarización en infantil. As demais familias, tanto das aulas de Peitieiros como das outras catro parroquias, están excluídas, “o que significa un trato claramente discriminatorio”, denuncia a Portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.

Pola súa parte, o goberno de Ferreira volveu negarse a asumir o servizo das aulas matinais, contradicindo o seu propio Plan de Igualdade que entre as medidas da Área de Emprego e Conciliación contempla como acción para a promoción da Igualdade a “posta en marcha dun servizo municipal de Aula Matinal en colaboración cos centros educativos da zona como sistema que facilite a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes de Gondomar”. Dende o BNG “seguiremos a insistir para que se cumpra con ese obxectivo neste curso 2022-2023”, indica Rodríguez.