Nigrán continúa coa instalación de marquesiñas 100% accesibles

O Concello de Nigrán continúa coa instalación de marquesiñas de espera de transporte público 100% accesibles e non discriminatorias, cumprindo así co seu proxecto global de “Un Nigrán para todos”. Así, cun investimento de 10.000 €, engadíronse dúas novas unidades situadas en puntos onde non existía refuxio algún e demandaba a cidadanía para agardar o transporte público na Avenida de Portugal en Xunqueira e en Estrada pola Vía enfronte á Nova Biblioteca Pública Municipal.

A particularidade delas é que contan con asentos isquiáticos, estes permiten o descanso nunha posición semisentada e axudan a recobrar a posición erguida facilmente, sendo especialmente indicados para persoas maiores ou con algunha discapacidade física. Estas comezaron a instalarse desde o ano 2019 en Patos, Manuel Lemos, Avda. Val Miñor, ou no cruce da Areíña.

“Apostamos por marquesiñas destas características porque forman parte dese ‘Nigrán para todos’ que temos sempre como obxectivo, aspectos tan sinxelos como os asentos isquiáticos facilitan enormemente o día a día de moitas persoas”, explica o alcalde, Juan González.