
A organización do Barbeira Season Fest que se celebrou en Baiona a pasada fin de semana fai un balance “moi positivo” da celebración da súa cuarta edición, “a máis potente e exitosa das celebradas ata o de agora”, informan. Segundo asegura Isaac González, director do Barbeira, “con esta edición conseguimos atraer a máis público que nunca a un festival que naceu con vocación de seguir medrando sendo pequeno, de manter este formato case íntimo de cercanía co público”.
González informa de que foron “máis de 4.000 persoas as que se achegaron a Baiona durante os catro días (víronse na obriga de cancelar a xornada do domingo por fortes ventos), para desfrutar dos concertos pero tamén doutros contidos programados que foron acollidos con moitísimo éxito: o ciclo de “Charlas en chanclas”, que para o ano collerá máis corpo, as actividades náuticas, as Catas no Camiño, as sinaturas de libros,…
“Convertimos a Baiona nun fervedoiro cultural e foron moitos os veciños e, sobre todo, a hostalaría quen nos trasladou o seu agradecemento”, sinala. Ademais, “estamos profundamente orgullosos de ser un festival que xera postos de traballo. Este ano, demos traballo, tanto de xeito directo como indirecto, a máis de 100 persoas”, comenta.
Con todo, o director do Barbeira Season Fest anuncia que, en 2023, “o festival pasará a celebrarse, en principio, na segunda semana do mes de xuño, aínda que previamente o público xa poderá desfrutar de diversos contidos no marco da quinta edición”, asegura o director do certame. “Tomamos esta decisión por diversos motivos (de asistencia, metereolóxicos) pero, o principal, é que sabemos que poderemos aportar máis á hostalaría de Baiona nesas datas, queremos que teñan un peso maior”, sinala.
Ademais, González anuncia que xa teñen pechados grupos, “tanto grandes como eses máis pequenos que buscan oco e que tan felices nos fan e que traen un público que acaba sendo fiel ao noso formato”. “Ao remate desta cuarta edición, o equipo do Barbeira sabe que traballa xa nun festival consolidado, que proxecta unha imaxe moi positiva e que seguirá medrando sen perder a súa esencia. En 2023 celebraremos un grande quinto aniversario”, remata.
O Barbeira Season Fest contou co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.