
Bombeiros Forestais de 6 meses do Distrito XVIII Vigo Baixo Miño para a campaña de máximo risco de verán, fixeron este xoves en Baíña unha valoración na recta final deste 2022. Primeiramente salientaron que no mes de maio acertaron de pleno en replicar a unha nota de prensa emitida pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia que vaticinaba un verán difícil no relativo ao perigo de lume para este mesmo ano (que aínda non rematou) conxuntamente coa ORGCCMMVM. “Quixemos manifestar e poñer en coñecemento da opinión pública con aquel acto que non sería por nós a ausencia dunha política preventiva nos nosos montes para mitigar a lacra dos incendios forestais”.
Volven reclamar máis prevención e menos extinción (traballo todo ano). “Denunciabamos a ausencia de políticas preventivas reais, no canto da contratación para poder ser efectivas. Nestes tres últimos anos ao traballar teoricamente 2 meses en prevención e 4 para extinción a nosa impronta case podería dicirse non se notou. Este ano practicamente entramos a traballar en máximo risco polo que desde a nosa incorporación non se realizou case actividade preventiva algunha”.
Polo ocorrido este verán demandan unha ampliación do tempo de contratación, xa sen dilación algunha ante a emerxencia da situación. Dos 6 meses na actualidade, ao ano completo por igual a todos os membros que están traballando e que tiren das listas do proceso de selección de convocatoria aberta de 2019 até completar na totalidade as brigadas de bombeiros, condutores de motobombas, emisoristas, e vixilantes fixos de casetas. “Hai si, unha proposta de estabilizar a vixilantes, emisoristas e condutores de motobombas por 6 meses, proposta insuficiente que afonda na precarización. Esiximos pola urxencia da situación nos nosos montes e interface urbano forestal, que se faga unha modificación substancial da contratación como cando se ampliou de 4 a 6 meses o traballo aos compañeiros/as condutores de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos pero aos 12 meses completos a todo o conxunto dos Bombeiros Forestais en Galicia. Como relevante, destacar, que o Director Xeral do SPIF reunido cos axentes no noso Distrito puña a disposición os medios aéreos que quixeran mentres en terra houbo moitas brigadas incompletas, por exemplo houbo unha semana, unha brigada de dous compoñentes todo o verán sufriu incendios todos os días da súa quenda”.
“Entendemos que temos coma País, unha grande misión por diante, primeiramente insistir en que se debe ter en raia e poñer en sobre seguro todos (sen excepción) núcleos habitados. Medio Rural non pode escatimar neste gran esforzo (entendemos colectivo) e debe poñer os recursos económicos e facilitar unha dotacións humanas en regra para tamaño cometido preventivo. E aí debe contar con nós”, insisten.
Denunciaban en maio que as previsións de 3 veráns consecutivos húmidos e unha recente e moi seca primavera, efectivamente trouxo consigo un plus de biomasa excrecente nos montes susceptible para arder virulentamente e onde máis perigo podía xerar a cidadanía: na interfaz urbano forestal moi poboado (para exemplos os incendios na parroquia de Meira en Moaña en agosto e tamén o de Baredo en Baiona no mes de xullo).
Os incendios arrancaron moi fortes e rápidos este ano, cómpre lembrar que na primeira vaga de calor na primeira semana de xullo déronse os lumes provocados por tormentas secas en Carballeda de Valdeorras, Caurel, Serra do Invernadoiro e no concello de Oimbra no Val do Támega. Máis próximo, no noso Distrito (Vigo-Baixo Miño) o de Pinzás e o de Baredo con 50 has o 15 de xullo. Logo viñeron os de agosto xa directamente provocados pola man humana, co de Xiabre-Caldas, Mourentán en Arbo, Canicouva en Pontecaldelas,Ribadavia, o Irixo e de novo Oimbra, Verín e a estocada ao Macizo Central en Laza deixando o parque natural do Invernadoiro en cinzas por destacar os máis relevantes.
“Queremos denunciar o exceso de xornada reiterado, non anecdótico e que dificilmente se verá retribuído (12 horas) que resultou sistemático para numerosas brigadas en grandes lumes fóra do noso distrito. Unhas veces xustificados pola demanda urxente de efectivos en lumes activos e outras xa que rozaban o abuso por ser de vixilancia e que se poido paliar (como aclaramos antes) con ampliar a contratación. Cómpre a modo de exemplo lembrar que un día (estaba a totalidade dos medios no lume da Canicouva en Pontecaldelas) quedou no distrito unha brigada, unha motobomba e un axente e finalmente houbo un lume en Fornelos de Montes”, recordan.
Defenden un Servizo Público de calidade que reverta e invista as súas funcións e na que a Prevención sexa a pedra angular das súas actuacións. “Os traballadores/as de 6 meses son uns excelentes profesionais (demostrouse sobradamente este verán na loita contra o lume en terra co conxunto dos compañeiros do Servizo) formados, no que a Administración leva gastado unha cantidade inxente en dotalos de medios e formación. Cómpre lembrar que tras a vida destes traballadores en precario (6 meses) hai hipotecas que pagar todos os meses e moitos intentan formalizar unha familia e criar seus fillos con dignidade. A actual situación só xera inseguridade a falta de perspectivas no noso Servizo e a marcha de brigadistas profesionais a outros eidos. A Xunta, di apostar polo fomento da natalidade, como administración pública que predique pois co exemplo e non fomente a precarización dos traballadores/as no Servizo. Por isto esiximos á Xunta de Galicia e a Medio Rural en particular que sexa congruente neste ámbito”, conclúen.