A ANPA do Humberto Juanes denuncia incidencias no nomeamento para cubrir varias prazas de persoal docente

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEIP Humberto Juanes.

A ANPA do CEIP Plurilingüe Humberto Juanes de Nigrán denuncia incidencias no nomeamento para cubrir varias prazas de persoal docente por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. “A piques de arrancar un novo curso escolar, a Consellería de Educación da Xunta, de novo, volve a non dar unha resposta axeitada ás vacantes do noso centro”.

Por unha banda, segue sen nomear, a falta de 24 horas para o comezo do curso escolar, un substituto/a para cubrir a praza de Pedagoxía Terapéutica solicitada pola Dirección do centro. E, por outra banda, vén de nomear a docente substituta dunha praza de Educación Infantil onte mesmo día 6 de setembro, a titular de dita praza atópase en situación de licenza por maternidade, lactancia e vacacións dende o curso pasado, pero a docente substituta non toma posesión da praza ata o 8 de setembro polo que non estivo presente nin nas reunións coas familias desta semana nin estará presente para recibir os cativos/as mañá no primeiro día do curso.

“Isto segue a demostrar, unha vez máis, a incompetencia da administración autonómica e a súa falta de vontade de reforzar, defender e coidar a nosa educación pública. Dende esta asociación de nais e pais esiximos unha inmediata resposta por parte da Administración para cubrir a vacante en Pedagoxía Terapéutica e volver denunciar as maneiras de actuar da Consellería coa educación pública, que o único que fan é priorizar sempre uns intereses distintos aos educativos e non poñer a disposición dos nosos fillos e fillas todos os recursos aos que teñen dereito”, conclúe desde a ANPA.