Baiona dota dunha nova infraestrutura ao CEIP de Belesar

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona atópase ultimando os traballos de mellora nos distintos centros educativos do municipio ante o inicio do ano escolar. Así, procedeuse á construción dunha nova infraestrutura no CEIP de Belesar. Trátase dunha caseta para almacenar material de utilidade para o colexio, unha solicitude realizada pola comunidade escolar que o consistorio non dubidou en materializar. Tamén se realizaron arranxos nas canastras e as pistas deportivas.

“A Lei de Administración Local establece que o Concello non asumirá actuacións que excedan as de mantemento e conservación dos colexios pero desde o Concello de Baiona estamos dispostos a axudar e mellorar os colexios do municipio aínda que as competencias de educación sexan da Xunta de Galicia”, destaca o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, referenda as palabras do concelleiro e incide en que “non soamente estamos involucrados no mantemento e conservación senón que imos un paso máis aló das nosas competencias municipais e realizamos obras de mellora nas infraestruturas dos distintos colexios de Baiona, xa que hai demandas desde fai varios mandatos que non foron atendidas, e facémolo en base da dispoñibilidade económica coa que contamos. Estamos ao dispor de calquera dos centros de educación e do alumnado baionés”.