160 nadadores participarán na primeira proba da Triple Corona Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona

Un total de 160 nadadores participarán na primeira proba da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas, que se disputará o vindeiro sábado 10 de setembro entre as illas Cíes e Baiona, cun percorrido de 15 quilómetros. Trátase dunha das probas de natación máis duras de España, que arranca este ano coa súa terceira edición, que se celebrará ata 2024 con tres probas de longa distancia e un total de 57 km en tres anos.

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a proba no Concello de Baiona coa asistencia do alcalde, Carlos Gómez Prado; a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez Díaz; a concelleira de Cultura e Deportes do Concello de Baiona, Miriam Mar Costas Iriarte; o capitán de Corveta da Escola Naval Militar de Marín, Miguel Torres Aboal; a directora da zona sur de Abanca, Ángela Rodríguez Miguéns; representantes do Monte Real Club de Yates de Baiona; o director de Arraianos Produccións, Áser Álvarez, e a directora da organización da proba, Beatriz Alvariño Díaz del Río.

Durante a presentación, Beatriz Alvariño destacou o gran interese que espertou un ano máis esta travesía a nado, que xa se disputou en 2016 e 2018, ao cubrirse as prazas dispoñibles e con varios nadadores en lista de espera. Ademais, resaltou a espectacularidade do percorrido pasando polas tres illas do arquipélago das Cíes, entre Monteferro e as illas Estelas, e a chegada a Baiona, así como a dificultade e a dureza da travesía, principalmente o tramo comprendido entre o quilómetro 5 (pasada a illa sur das Cíes) e o 8 (antes de chegar á península de Monteferro) xa que os nadadores terán que enfrontarse ás correntes, ondada e a dureza do mar aberto.

Do total de participantes, 143 son homes e 17 mulleres con idades comprendidas entre os 19 e os 64 anos, procedentes de 14 Comunidades Autónomas: Galicia (52 nadadores), Castela-A Mancha (6), Madrid (9), Asturias (13), País Vasco (14), Castela-León (3), Comunidade Valenciana (14), Estremadura (4), Cataluña, (9), Andalucía (7), Illas Canarias (13) e tamén de Portugal (3 nadadores), Francia (1) e Cuba (1).

O nadador máis novo é o asturiano Diego Gutiérrez (19 anos) e o máis veterano, o vigués Alejandro Ros Rosillo (64 anos). Hai 10 participantes (9 homes e 1 muller) que aspiran a completar a súa terceira edición.

Entre as novidades desta edición 2022-2024 destaca a incorporación da categoría sen neopreno, na que participarán 9 nadadores (7 homes e 2 mulleres), entre eles, o alacantino Jorge Crivillés Villanueva, que completou recentemente a Canle de Bristol converténdose no primeiro español e quinto deportista do mundo en obter a Tripla Coroa de natación de longa distancia, ao sumala ás súas travesías da Canle da Mancha (2012) e Canle do Norte (2019).

Outras das novidades serán a obrigatoriedade do uso da boia de seguridade para todos os nadadores e o seguimento dos participantes a través de dispositivos de xeolocalización.

Entre os favoritos para gañar a proba destacan o catalán Sergio Torres, que xa se impuxo na travesía disputada en 2018 cun tempo de 3:37:39, e o nadador galego de Arteixo, Manuel Regueiro Picallo, terceiro na proba celebrada en 2018, tras o ourensán Alberto Taboada Vila, cun rexistro de 3:39:32. Regueiro, ademais, foi o terceiro na clasificación final da segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas celebrada entre 2018-2021.

Na categoría feminina, a favorita é a asturiana Patricia Agüera Fernández, que foi a segunda muller clasificada na segunda edición, tras a biscaíña Andrea de la Hera.

Durante a travesía despregarase un forte dispositivo de seguridade integrado por 35 embarcacións, 45 kaiakistas, sete pádel surf, tres motos acuáticas, dous médicos, tres enfermeiros, 15 socorristas, dous técnicos en emerxencias sanitarias, unha ambulancia medicalizada en Baiona e preto de 200 persoas en terra e mar, que estarán coordinadas por Carlos Agra, contramestre do Real Club Náutico de Sanxenxo. Haberá un posto de Protección Civil do Val Miñor na chegada.

Para velar pola seguridade dos nadadores, a organización conta coa colaboración do Monte Real Club de Yates de Baiona, Gardacostas de Galicia, Garda Civil do Mar, Búsqueda y Salvamento de Galicia, Escola Naval Militar de Marín, Club Marítimo de Panxón, Náutico de Canido, Protección Civil do Val Miñor, Asociación Vodea, Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Saphifre Ladeira, Nordés Kaiak e club deportivo PescaCíes.

Alvariño lembrou que os nadadores terán uns tempos límite de paso nos quilómetros 4 e 8 e un límite para realizar a proba de seis horas e media. Ademais, a organización conta con máis de 100 mantas térmicas, preto de 1.000 augas, 500 pezas de froita, máis de 600 xeles e barriñas enerxéticas para os nadadores.

De acordo cos plans da organización, o pistoletazo de saída darase ás 09:15 horas na praia de Rodas, nas illas Cíes, coa saída do primeiro grupo (lento) integrado por 47 nadadores. O segundo, con 48 nadadores, farao ás 09:35 horas; o terceiro con 37, ás 09:55 horas. O cuarto, con 24 nadadores, sairá ás 10:15 horas e, o último, o máis rápido formado por 4 nadadores, tomará a saída ás 10:30 horas.

Desde aí os nadadores dirixiranse cara á illa Sur das Cíes, a 4 km de distancia, onde estará situado o primeiro barco de avituallamento da travesía, á altura de Punta Xesteira, onde os nadadores poderán repoñer forzas con bebidas e comida (plátanos, barriñas enerxéticas e xeles).

O segundo barco de avituallamento estará situado no quilómetro 8, antes de chegar ao paso entre a península de Monteferro e as illas Estelas e, o terceiro, no quilómetro 12, dentro da baía de Baiona, á altura do Faro-Baliza de Cabezo de San Juan. A partir de aquí, quedarán tres quilómetros antes de chegar ao momento de meta situado na Praia de Ribeira, en Baiona, pasando antes pola réplica da Carabela Pinta.

Calcúlase que o primeiro nadador en chegar culmine a proba en tres horas e media (hora aproximada de chegada do primeiro nadador: 14:00 horas), pero estímase que o resto de participantes poidan prolongar o seu esforzo durante catro ou mesmo cinco horas máis.

No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, a organización ten previsto un percorrido alternativo dentro da baía de Baiona de 15 km con saída e chegada na praia de Ribeira.

Durante a rolda de prensa, a directora da organización destacou o apoio da Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Mar, Turismo de Galicia, Concello de Baiona, Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, Abanca, Móbil Auto Concesionarios, Arraianos Produccións, Gadis e M+Q. Ademais, colaboran Powerade, Frutas Sol, Adegas Val Miñor, Parador de Turismo de Baiona, Iberia, Anfaco, Clubnatacion.com e a Editorial Belagua, entre outros.

Aposta polo medio ambiente

“Desde a organización queremos seguir apostando nesta terceira edición por un turismo deportivo sustentable e poñer en valor o patrimonio natural, cultural, paisaxístico e etnográfico do Parque Nacional das Illas Atlánticas, as Rías Baixas e Baiona mediante unha serie de actividades paralelas dirixidas aos familiares e acompañantes”, sinalou Alvariño.

Baixo o lema “Mollámonos polo medio ambiente”, a organización da Triple Corona Illas Atlánticas poñerá de novo en marcha diversas accións ambientais dirixidas a preservar os valores naturais e culturais das illas que integran o Parque, promover a conservación do medio mariño e concienciar e sensibilizar aos nadadores e visitantes das necesidades de protección do medio ambiente.

Actividades paralelas

Paralelamente á travesía celebraranse diversas actividades para os familiares e acompañantes como unha visita guiada ao centro histórico de Baiona e a réplica da Carabela Pinta, grazas á colaboración das Concellerías de Turismo e Cultura do Concello de Baiona. A esta visita participarán preto de 40 persoas. Tamén, está prevista unha visita guiada ás illas Cíes, acompañados por persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Ao finalizar, realizarase unha limpeza da praia de Rodas. Nesta visita inscribíronse preto de 50 persoas.

Así mesmo, para coroar a proba da Triple Corona está prevista unha cea coa entrega de premios no Hotel Baía Baiona e unha degustación de produtos con denominación de orixe galega. En total entregaranse premios aos tres primeiros clasificados da categoría masculina e feminina absoluta e sen neopreno, así como distincións aos nadadores que logren finalizar a proba nun acto que terá lugar o sábado, a partir das 21:00 horas.

A Triple Corona Illas Atlánticas, 57km a nado, consta de tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia, que se celebran nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, entre 2022 e 2024. Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

A primeira das tres probas, de 15 km, celébrase entre as illas Cíes e Baiona. A segunda terá lugar entre a illa de Sálvora e Ribeira, con 19 km de percorrido, en 2023. A última, a máis longa con 23 km, arrancará da illa de Ons e terminará en Combarro, pasando pola illa de Tambo en 2024.

Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa.