O BNG solicita a reunión urxente da Comisión Informativa de Asuntos do Pleno para resolver o problema da auga en Vilaza

O BNG vén de solicitar a través do rexistro electrónico do Concello a convocatoria extraordinaria e urxente da comisión Informativa de Asuntos do Pleno para resolver, á maior brevidade posible, o problema da auga en Vilaza. A organización nacionalista insta ao Alcalde a convocar xa, sen máis demora, aos grupos políticos da corporación a unha primeira xornada de traballo de cara á regularización do servizo e da rede de abastecemento de auga na parroquia de Vilaza.

Porque desde o pasado xoves, día do pleno, o BNG aínda non recibiu ningunha convocatoria por parte do goberno, a pesar de que a concelleira Manuela Rodríguez así o solicitou durante a sesión. De feito invitou ao Alcalde convocala para o día seguinte, “ao que o Sr. Ferreira respondeu que non tivera tanta présa”. “A présa non a ten o Bloque, Sr. Ferreira, téñena os seus veciños de Vilaza, e tamén o resto do concello se, como vostede mesmo di nas redes sociais, o ‘descontrol’ do consumo en Vilaza pon en perigo o subministro de auga no resto da rede municipal”, indica Rodríguez.

O BNG, como xa lle adiantou tanto á veciñanza de Vilaza como ao propio grupo de goberno, seguirá a traballar activamente até que a situación do abastecemento de auga en Vilaza estea resolto. Por esa razón, vén de solicitar a reunión urxente da comisión informativa de asuntos do pleno, para comezar a poñer en común as propostas e posibles solucións.

Funcionamento da Comisión Informativa

Tal como recolle o Regulamento Orgánico Municipal, a Comisión Informativa de Asuntos do Pleno, integrada exclusivamente por membros da Corporación, é un órgano sen atribucións resolutorias que ten por función o estudo, informe ou consulta dos asuntos que haxan de ser sometidos á decisión do Pleno. O Presidente da Comisión, que é o Alcalde, poderá convocar sesións extraordinarias ou urxentes das mesmas sempre que o estime conveniente. E estará obrigado a convocar sesión extraordinaria cando o solicite a cuarta parte, polo menos, dos membros da Comisión.

No caso de Gondomar a comisión está composta por nove concelleiras e concelleiros, cinco do grupo de goberno do PSOE, e catro da oposición. Por esa razón, e para forzar que sexa convocada xa para a vindeira semana, a voceira do BNG dirixiuse aos demais grupos políticos da corporación para que a soliciten tamén. Para o BNG é hora lle dicir, alto e claro, a Ferreira que “deixe de enviar mensaxes inútiles a través da prensa e as redes sociais e convoque xa os órganos necesarios para dar a solución urxente que precisa a súa parroquia”.