Zahara, Maika Makovski e concertos das mellores bandas indies emerxentes do país no sábado do Barbeira Season Fest

O venres do Barbeira Season Fest de Baiona arrancou xa de mañá, coa primeira charla do ciclo recentemente estreado “Charlas en chanclas” protagonizada polos escritores Ledicia Costas, Pedro Feijóo e Diego Giráldez e o músico Jorge Martí, de “La Habitación Roja”. Ademais, o xornalista Javier Becerra e distintos responsables de marcas que, dalgún xeito, están vinculadas ao eido musical e dos festivais, ateigaron de público o anfiteatro da Casa da Navegación. Os concertos de Depedro, La Habitación Roja e os grupos emerxentes Morreo, Diamante Negro e Emilia, Pardo y Bazán, ateigaron de público, un día máis, o recinto do Parque da Palma.

Os concertos do sábado

O sábado, considerado un dos días grandes do festival, comezará xa dende o mediodía no Escenario Xacobeo do festival, a partir das 13:50 horas. Cora Yako, Miniño, Eterna Juventud, Estrella fugaz e Marta Movidas cubrirán cos seus concertos boa parte da xornada. Xa pola noite, os concertos de Maika Makovski e Tú peleas como una vaca pecharán o sábado desta cuarta edición na que tamén haberá sesión con Eme DJ, que ás 19:00 horas asinará exemplares do seu libro no stand da Librería Atlántica. A programación dos concertos, actividades náuticas, as Catas no Camiño, os horarios e toda a info sobre o Barbeira Season Fest pódese consultar na web do festival.

Venda de entradas

As entradas pódense comprar na súa web tanto por día como o abono para gozar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade. Tamén están á venda na taquilla situada na entrada do recinto. Todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán comprar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto. O Barbeira Season Fest conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.