O rescate da auga de Vilaza agardará ata outubro

O inicio dos trámites para municipalizar a rede de abastecemento de Vilaza en Gondomar terá que esperar polo menos un mes máis. Así o acordaron os corporativos do pleno de Gondomar durante a sesión ordinaria de setembro celebrada o pasado xoves dada a falta de consenso e onde PP, BNG e PSOE presentaron senllas propostas sobre a mesma temática cada unha cos seus matices. A decisión chegou tras un longo debate e sen que se abarcasen na súa totalidade, en concreto o acordo tomouse cando se estaba avaliando a primeira delas, a dos populares, e na que segundo explicaron fontes municipais tres dos seus catro puntos estarían a incorrer en ilegalidades.

A idea agora é manter unha nova reunión de portavoces para expor unha moción conxunta apoiada con informes técnicos que garantan a súa legalidade, e deste xeito solucionar a problemática da traída da parroquia arrastrada desde 2015. A carencia de titularidade impide que a concesionaria leve a cabo a cobranza dos recibos, o control do consumo mediante contadores e a imposibilidade de novas altas no núcleo da condal. Neste sentido, o alcalde Paco Ferreira explicou que a súa proposta era a que máis se axustaba a legalidade e que simplemente abría as portas a unha aprobación inicial suxeita ás modificacións necesarias, pero que de calquera modo está disposto a reunirse para chegar a un entendemento unánime e deste xeito comezar o procedemento canto antes.

A previsión é que a retardación dos trámites non afecte á licitación do servizo para todo o municipio, sobre todo e tendo en conta que onte mesmo suspendeuse o prazo de presentación de ofertas ata que se resolvan unha serie de alegacións presentadas por varios licitadores, e que a idea de incluír a Vilaza segue en firme. Por outra banda, aseguran que a concesionaria actual, Espina y Delfin, seguirá facéndose cargo do mantemento da infraestrutura, así como das probas necesarias que garantan a súa salubridade e potabilidade da auga.