
Algúns dos deportistas máis destacados do panorama náutico español foron homenaxeados este sábado en Baiona na gala dos Premios Nacionais de Vela, que se entregaron no Monte Real Club de Yates no marco do 37º Trofeo Príncipe de Asturias.
Nun club engalanado para a ocasión e ante unha multitude de público asistente, José María “Pichu” Torcida, Nuria Sánchez, María Perelló, Marta Cardona, Javier Banderas, Piti Estébanez e Rafael Díaz subíronse ao escenario para recoller os seus galardóns ao mellor regatista, o mellor proxecto, o mellor equipo de vela lixeira e o mellor barco. O único que non puido asistir foi o cántabro Pablo Santurde, premio ao mellor navegante, ao que a homenaxe lle coincidiu co día da súa voda.
Conducido polo presentador da Televisión de Galicia, Carlos Macía; e a responsable de comunicación do Monte Real, Rosana Calvo; o evento comezou cos discursos de benvida do presidente do club organizador, José Luis Álvarez; e o presidente de Adegas Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, patrocinador dos premios nacionais. Ambos coincidiron en sinalar a importancia dunha cita que este ano cumpre 30 anos e que ao longo da súa historia serviu para recoñecer os éxitos da vela española.
Tras os discursos de benvida, os premiados fóronse sucedendo no escenario para recoller o seu galardón. O primeiro en facelo foi o santanderino José María “Pichu” Torcida, premio ao mellor regatista polas súas vitorias nos Campionatos de España e de Europa de J80. Agradeceu o galardón a todos os que lle acompañaron no mundo da vela durante tanto tempo. “Tripulantes, armadores, patrocinadores, familia e en especial á miña muller”. Tivo un recordo tamén para a súa tripulación de J70, sen os cales, dixo, “este premio non sería posible”. E acabou felicitando ao Monte Real polo mundial de J80 do ano que vén e polo traballo que está a facer para impulsar a frota de J80.
O Premio Mariano Aguado de Comunicación recaeu este ano no programa “Atando Cabos” da produtora TacTic Audiovisual, e foi o seu director, Vicente Robles, o encargado de recollelo. “Despois de 20 anos dando cobertura e apoio á vela pensamos que este deporte non tiña un programa específico -dixo Robles- e así naceu Atando Cabos. E case 200 programas despois, o que conseguimos foi marabilloso. Este Premio Nacional é a guinda do pastel”.
O seguinte premio da noite, ao mellor proxecto feminino, recolleuno Nuria Sánchez, pola súa iniciativa “Queremos hacer historia”, unha proposta que, desde hai anos, trata de dar difusión e impulso á figura da muller no mundo da vela. No seu discurso, a regatista alacantina dixo que seguirán traballando para ser mensaxeiras da igualdade. “Nestes catro anos traballamos duro, creando e cultivando o froito que agora somos. Involucramos ás máis pequenas, apostamos polas novas promesas e tamén tendemos a man ás veteranas e ás lendas. E só podemos darlle as grazas a todos os que apostan por nós”, dixo.
Cunha traxectoria deportiva dun cuarto de século ás súas costas, os malagueños do Teatro Soho Caixabank, liderados por Javier Banderas, recolleron o premio ao mellor barco ORC tras lograr a súa sexta vitoria na Copa do Rei. Acompañado polo director deportivo Piti Estébanez e o tripulante Rafael Díaz, Banderas agradeceu ao Monte Real e a Terras Gauda un galardón que, segundo dixo, é froito dunha longa experiencia. “O segredo da nosa tripulación é que levamos navegando xuntos 25 anos e é agora cando estamos a recoller os froitos. Para todos nós é un orgullo recoller este premio tan prestixioso en Baiona”.
O último premio da noite foi para as máis novas da gala, as regatistas mallorquinas, de 17 anos, María Perelló e Marta Cardona. Foron distinguidas polas súas medallas de ouro no Mundial e Europeo da clase 420. “Valores como o traballo en equipo, o afán de superación, o respecto, a perseveranza, a superación dos límites, a autodisciplina ou a responsabilidade son algúns dos valores que fan que a vela sexa para nós algo máis que un deporte, que sexa todo un estilo de vida”, aseguraron antes de concluír que “logramos moitas cousas este ano, pero gústanos pensar que o mellor está por chegar”.
A esta trixésima edición dos Premios Nacionais de Vela, ademais dos presidentes do Monte Real Club de Yates e adegas Terras Gauda, organizador e patrocinador do evento; o comandante director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona; o director territorial de ABANCA, Walter Álvarez; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, e a viúva de Mariano Aguado, Pilar de Sas.
Unha tirada de fogos artificiais e unha festa amenizada con música en directo puxeron o punto e final á gala celebrada no marco do Trofeo Príncipe de Asturias, que mañá domingo celebrará as súas últimas probas e coroará aos seus gañadores.