Gondomar mellora a rede de saneamento dos barrios de A Fraga e A Pasaxe

O Concello de Gondomar mellora a rede de saneamento dos barrios de A Fraga e A Pasaxe e instala un sistema automatizado de control de caudal de augas residuais procedentes de Gondomar e Vigo. Con esta actuación a rede municipal de todo o barrio de A Fraga queda totalmente substituída por tubaxe de aceiro inoxidable, “retirando a antiga canalización de formigón que foi instalada fai 20 anos de forma deficiente por Augas de Galicia”, apunta o alcalde, Paco Ferreira.

O obxectivo do Goberno Municipal é levar a cabo a substitución de todos os tramos de condución de fibrocemento e formigón (máis de 12Km) por outros materiais como o PVC, que evite as posibles filtracións de augas pluviais e brancas, á rede de saneamento que chega á EDAR, xestionada por Augas de Galicia, e así evitar a sobresaturación “nunha rede que é arcaica e deficitaria, e que foi instalada por gobernos anteriores, e tamén pola propia Augas de Galicia”.

“Augas de Galicia como administración pública nunca debeu nin permitir nin menos realizar estes traballos que son a causa principal de que Gondomar teña a necesidade de substituír esta antiga rede por unha nova. É ineludible a responsabilidade por parte de Augas de Galicia, como principal xestor e responsable competencial na materia, e por tanto de forma conveniada debe contribuír a reverter esta situación deficitaria da rede en Gondomar”, engade Ferreira.

O rexedor sinalou que “esta actuación é unha de tantas que o Goberno Municipal está levando a cabo en todo o municipio, xunto a outras xa realizadas para mellorar unha rede arcaica e deficitaria que herdamos cando chegamos ao goberno”. O alcalde tamén quixo destacar que “coa colaboración de Augas de Galicia a través das auditorías realizadas en todo o territorio, vanse visualizando os froitos, á espera de que a Xunta acometa as obras de ampliación da EDAR coa construción dun novo tanque de decantación”.

Por último, o rexedor local anunciou que xa trasladou á directora de Augas de Galicia a decisión de que siga a ser este organismo autonómico o que xestione a EDAR de Gondomar. Ademais informoulle da disposición do Concello de ceder a parcela onde se situaba a antiga depuradora para que Augas de Galicia poida construír neses terreos un tanque de tormentas.