
O Concello de Nigrán vén de rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020. O obxectivo da intervención foi poñer en valor este patrimonio que, debido a engadidos moi posteriores a base de materiais como formigón ou bloques, presentaba unha imaxe de conxunto desvirtuada e carente de interese.
En concreto, o Concello restaurou a través da empresa Rocas Graníticas del Condado os lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeno (Priegue) e San Xoán (Panxón). O proxecto, asinado polo arquitecto nigranés Severo Fernández, incluíu limpar e restaurar manualmente a cantería existente de todos eles (sen empregar máquinas hidrolimpadoras) e eliminar e desmontar todos os elementos construtivos alleos ao lavadoiro orixinal. Así, nos sete lavadoiros elimináronse as respectivas cubertas de formigón e cimentos porque non son orixinais do conxunto e lles restan valor para, á súa vez, construír novas cubertas a dúas augas (ou segundo a situación e tipoloxía) que son de tella curva sobre listóns de pino e apoiadas sobre unha estrutura tamén de madeira. Este cambio, que conta coa autorización de Patrimonio, supón xerar unha envolvente máis lixeira que contribúe a poñer en valor o propio lavadoiro. A maiores, no caso dos que tiñan plaquetas ou muretes de formigón ou bloques, estes foron substituídos por granito e se eliminaron as pintadas ou graffitis, ademais de dotar a todas as contornas dos lavadoiros de puntos de luz.
“Intervimos naqueles lavadoiros que si son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Cómpre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, indica o alcalde, Juan González, quen subliña que as obras se demoraron máis do previsto ao ser preciso obter a autorización previa de Patrimonio.
Fontes municipais
O Concello levou a cabo anteriormente un plan para a mellora das fontes municipais cun investimento de 18.500 € que permitiu rehabilitar e poñer en valor unha decena delas. Así, os traballos comprenderon aos mananciais de Casanova, Preáns, Pulga e Lodeiro na parroquia de Parada; Pedrosa, Currelo e Medoñas en Priegue; Ouro e Barranco en Nigrán; e, finalmente, Xesteira en San Pedro. Anteriormente, no 2017, interveuse noutras oito e o obxectivo do goberno local é chegar ao 100%.