O baionés Nacho Porritt inicia Flow Up, unha startup para axudar aos músicos independentes

Flow Up é unha pequena startup que acaba de nacer e o seu obxectivo principal é axudar aos músicos independentes e emerxentes a formarse en xestión musical. O proxecto está liderado polo baionés Nacho Porritt, un cantante que leva xa unha década na industria e decidiu que é hora de axudar a aqueles que están a empezar ou que necesitan unha man no sector da xestión e a administración da industria musical. Para iso, habilitaron unha plataforma en liña que contén -por agora- catro formacións gratuítas e impartidas por axentes propios da industria musical. Máis adiante, contarán coa participación de mentores, bookers, managers, produtores… facendo que a formación sexa o máis próxima e profesional posible. Tamén contan con presenza en Instagram, Twitter e Tik Tok.

Flow Up é a academia virtual, personalizable e autónoma que vai permitir aos artistas independentes do presente seguir séndoo no futuro. Cada capítulo da formación está especialmente enfocado á aprendizaxe da xestión e a inmersión na industria, achegando diverxencia e as ferramentas necesarias aos usuarios para adaptarse ás novas necesidades do mercado musical. A plataforma está creada para artistas desde a experiencia persoal de profesionais do sector musical. Desde a practicidade, ensinarase aos artistas como moverse de forma autónoma nos diferentes campos das necesidades actuais da industria. Flow Up, ademais, ten como obxectivo a creación dunha comunidade, que a medida que creza tamén axude a crecer ao proxecto, nutríndoo de maneira bidireccional.

“Desde Flow up cremos no empoderamento dos artistas, a importancia do dominio da xestión e a aprendizaxe para a autonomía e que todo iso sexa accesible para os seus usuarios. Por iso, é unha formación de baixo custo impartida desde o coñecemento real e interno do negocio. A música é arte, creatividade e paixón. Pero, tal e como diría Picasso, “cando chegue a inspiración, que me atope traballando”. E é que a música tamén é traballo e renovación constante. A clave do éxito atópase na combinación de todos eses elementos, e en Flow Up achéganse as ferramentas necesarias para conseguilo”, sinalan.

“En Flow Up únense artistas, creadores e xestores para empoderar novos talentos. A nosa plataforma é acompañamento, renovación e crecemento. Ofrecemos ferramentas a baixo custo para que os artistas independentes sigan séndoo. Flow up pasa de intermediarios. Aprende facendo, que non cho conten. Achegamos profesionalización de maneira autónoma e accesible. Somos a reivindicación de que arte e traballo van da man, e de que a clave do triunfo radica nunha boa formación. En resumo, Flow Up é un lugar de empoderamento, desenvolvemento e potenciación da autoxestión ao alcance de todos”, conclúen desde a startup baionesa.