O Val Miñor encarga unha auditoría de cara a avaliar a Serviocio e redactar novos pregos de contratación da piscina

A Mancomunidade do Val Miñor puxo en marcha esta semana o expediente para non prorrogar a concesión da piscina a Serviocio máis alá de maio de 2023, data na que expira, ante as queixas dos usuarios pola súa deficiente xestión. Con este obxectivo, contratou á empresa “Into Galicia Consulting” a realización dunha auditoría técnica, económica e laboral e unha memoria xustificativa e prego de prescricións para a futura licitación.

“Ultimamente temos moitas queixas de usuarios pola temperatura da auga e demais cuestións e estamos a tomar medidas, entre elas esta para non prorrogar a concesión máis alá de maio de 2023, cando remata”, admite o alcalde de Nigrán e presidente actual da Mancomunidade, Juan González, quen precisamente onte pola mañá se reuniu cun nutrido grupo de usuarios e a semana pasada con representantes dos traballadores. “As dúas partes concordan en que a xestión está sendo moi deficiente nestes derradeiros meses, especialmente no canto á temperatura da auga, que roza o mínimo permitido de 25 graos, polo que desde a Mancomunidade imos ser inflexibles e poñeremos en marcha todos os mecanismos legais para que isto non suceda”, explica González, quen precisamente por este motivo remitiu a Serviocio o 23 de agosto unha carta na que se lle advirte de que se non liquidan este problema “a Mancomunidade verase na obriga de tomar outro tipo de medidas”. A tal efecto, desde a semana pasada un técnico municipal está a realizar diariamente informes que recollen cuestións como a temperatura da auga.

“Non imos pasar por alto a situación actual, temos unha reunión coa empresa esta semana e lles recordaremos todas as súas obrigas. A calidade deste servizo público básico para a saúde de moitas persoas non pode ser deficiente e con esa temperatura da auga manifestan que é imposible realizar exercicio”, insiste González.