O PP cualifica de “inadmisibles” as declaracións de que a Xunta “se alegraría se Nigrán quedase sen Auga”

O Partido Popular de Nigrán, Gondomar e Baiona esixe a Juan González unha rectificación pública das súas manifestacións, xa que, consideran, “ningunha institución pública ao servizo dos cidadáns, sexa o Concello, a Deputación, a Xunta ou o Estado Español vai ‘alegrarse’ de ningún problema que aconteza a ningún colectivo, é algo absolutamente retorto e inxurioso, e indigno de ser manifestado por un político que ten que estar ao servizo dos cidadáns”. Para os populares, o máis rechamante de todo isto, é que González, ante a notificación de Augas de Galicia a principios de xullo, publica en prensa que xa están a tomar medidas pechando as duchas e lavapés nas praias, “cando se puido comprobar que a finais de xullo aínda estaban as duchas e lavapés operativos gastando e malgastando auga”.

“E non só iso, cando recibe a convocatoria de Augas de Galicia para asistir a unha reunión de seguimentos, non aparece e non manda absolutamente a ninguén, o que indica que agora mesmo se cadra non é a persoa máis adecuada nin para manifestar de forma tan denigrante a preocupación da Xunta de Galicia pola situación dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, deixando claro que o Sr. Alcalde socialista D. Juan González, ten unha incapacidade permanente para liquidar situacións de diversas índoles problemáticas para as que foi elixido como alcalde, non soamente co tema da auga, senón co tema do GES, o tema da temperatura da auga da piscina mancomunada como puideron ler nos medios recentemente, pero volvendo ao tema que nos incumbe, e por dar unhas suaves pinceladas, non se lle ocorre outra cousa que autorizar un tobogán acuático en pleno mes de xullo (restrición por parte de Augas de Galicia) en Ramallosa, que segundo os presentes, tiña numerosas fugas de auga por todos lados”, engaden desde o PP.

“E non contento co anterior, autorizou outro tobogán acuático no Festival de Reggaeton en Porto do Molle durante 24 horas consecutivas, diso hai só uns días. Fíxense, se o Sr. Alcalde pechase as duchas e lavapés a principios de xullo como falsamente publicouse en redes sociais pero non se fixo, aforráronse máis de 1.000.000 litros de auga, que se di pronto. Queremos manifestar, con todo, o noso agradecemento ao Concello de Vigo, en canto a que permita que Zamáns abasteza só ao Val Miñor, algo que curiosamente solicitou cos informes que o avalaban Augas de Galicia no 2001 ao Concello de Vigo, e que este denegou. Para que sexan conscientes os veciños de Nigrán, esta auga cústanos anualmente 550.000€, importe que se lle paga ao Concello de Vigo, o que supón un custo do m3 similar ao de Moaña, coa diferenza e fíxense ben o que lles imos a comparar, que a subministración de Moaña é de Auga xa tratada, e no noso caso é de Auga directa do encoro que como ben saben debería de ser 1/3 do que realmente nos están cobrando (porque aínda temos que tratala), un agravio que cada ano repítese sen que o Sr. González faga nada para remedialo, se o fixese podería reducir bastante o recibo da auga que pagan os veciños de Nigrán, que son os que máis pagan dos tres concellos do Val Miñor”.

“Tamén poderiamos facer mención das cláusulas anti-constitucionais de exclusividade en canto ás obras de instalación do abastecemento e saneamento de auga (realizadas pola propia concesionaria) cuns custos ata 10 veces superior ao custo de mercado normal. Isto advertíuselle por parte do noso grupo do Partido Popular en numerosas ocasións nos plenos do Concello ao que o Sr. Alcalde do PSOE fixo caso omiso, e non sabemos cal puido ser a razón tan determinante para que este señor alcalde non actúe en defensa dos intereses dos veciños, senón máis ben, dá a sensación de que vele máis polos intereses da concesionaria e polos ‘agasallos’ de dous vehículos ao Concello. E por último queremos deixar presente nesta notificación, que é oneroso (que estás a pagar por unha cantidade de auga que non se consome) a cobranza de contías mínimas sen gastar nin consumir nin un litro”, conclúen os populares.