Nigrán urxe á Xunta a empregar a cociña do CEIP Humberto Juanes desde este vindeiro curso

O alcalde de Nigrán, Juan A. González, enviou a principios de mes un escrito ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á Consellería de Educación urxindo a que empreguen desde o vindeiro curso a nova cociña escolar municipal construída polo Concello de Nigrán no CEIP Humberto Juanes cun investimento de 373.878 €. Tanto comunidade educativa como goberno de Nigrán ratifican a necesidade urxente de que o cátering empregue estas instalacións para mellorar o servizo e para que poidan beneficiarse todos os colexios públicos de Nigrán que non gozan de cociña propia (no CEE de Panxón cocíñase tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. “As Dunas”, constatándose que a calidade é moi superior aos dos demais colexios que se nutren mediante o sistema de cátering tradicional). “A nova instalación, de 490 metros cadrados, está dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que o desexen, cunha capacidade para abastecer ata 1.000 nenos (os colexios da localidade teñen actualmente asignados a metade de comensais)”, informa.

Por este motivo, mediante o escrito, o Concello de Nigrán transmite á Consellería de Educación a importancia de que “dea os pasos oportunos para que o cátering empregue a cociña desde o vindeiro curso, tal e como demandan tamén as diferentes comunidades educativas do municipio”.

“A situación actual é insostible, as queixas do alumnado pola calidade do servizo aumentaron exponencialmente o curso pasado, polo que pedimos á Xunta que mova ficha e obrigue á empresa adxudicataria a cociñar aquí. A saúde dos nenos está por riba de calquera interese empresarial”, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que non está a pedir ningunha idea nova “e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública”.

Segundo as propias ANPAS, posiblemente debido á suba do IPC, o servizo empeorou considerablemente o curso pasado, polo que enviaron diferentes escritos queixándose. “O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e por iso construímos esta cociña do CEIP Humberto Juanes, que pode humanizar un servizo que a día de hoxe está deshumanizado e que pode incluír pratos que ata agora non se pode polo transporte (100 km) e polo horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, defende González.

Tanto desde as comunidades educativas como desde o Concello consideran que prescindir do sistema de cátering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considérase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos. Esta nova cociña ocupa 490 metros cadrados dunha antiga zona de almacén e de aulas e conta cun equipamento acorde ás demandas actuais.