
Baiona volveu celebrar este domingo a tradicional Romaría da Virxe da Rocha tras dous anos de parón pola pandemia. Veciños e visitantes puideron gozar dunha xornada campestre na área recreativa Mercedes de la Escalera. Á unha do mediodía comezou a Misa Solemne ao pé do monumento, oficiada polo párroco de Santa María de Baiona, Manuel Salcidos. Ao finalizar a eucaristía comezou a tradicional comida campestre, na que os romeus puideron degustar máis de 200 kg de sardiñas asadas, 200 kg de pan de millo e 200 litros de viño, principais reclamos desta romaría que marca o final do verán na localidade, mentres gozaban da música e o baile tradicional galego da man da Asociación Folclórica Vila de Baiona e a Asociación Cultural A Seneira.
A Romaría da Virxe da Rocha está organizada pola Concellería de Cultura de Baiona, preservando inalterables os costumes e tradicións da Vila, que se remontan ao 18 de setembro de 1910, data na que se colocou a primeira pedra do monumento e na que se depositou unha caixiña de zinc contendo dúas moedas de ouro, dúas de prata e dúas de bronce, xunto cunha copia da acta de tal acontecemento. A súa construción foi posible por subscrición popular e por unha importante colecta de emigrantes españois en Cuba. A escultura foi inaugurada o 14 de setembro de 1930 e ao longo dos anos foi festexada con diversos actos e cerimonias relixiosas e profanas que aínda hoxe en día seguen repetíndose como marca o costume e tradición o último domingo de agosto, ao pé do monumento.
Esta Virxe pétrea é única na súa clase, o seu manto arranca da mesma rocha do outeiro do monte chamado Sansón, áchase a 100 metros sobre o nivel do mar e ten unha altura de 15 metros desde a base. É toda de pedra excepto a cara e as mans que son de mármore branco de carrara. O interior do monumento está oco e contén unha escaleira de caracol de 45 chanzos que permite subir ao barco que a Virxe sostén na súa man dereita, con capacidade para 7 persoas, e que vén sendo un asombroso miradoiro desde onde se contempla o océano Atlántico, as illas Cíes e a vila de Baiona.
O monumento foi deseñado e realizado polo arquitecto porriñés Antonio Palacios e polo enxeñeiro caldense Laureano Salgado Rodríguez. A cara e as mans de mármore foron esculpidas polo escultor madrileño Ángel García Díaz e as escaleiras interiores de caracol realizounas o artista baionés Ángel Fernández González (Vernet).