Máis de 150 establecementos de Nigrán “vestirán” de negro contra a violencia

O Concello de Nigrán súmase á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa celebración esta semana de diversos actos alusivos. Así, coincidindo co Black Friday e a iniciativa do Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, máis de 150 establecementos do municipio «vestirán» dende o venres os seus escaparates de negro en sinal de loito polas vítimas de maltrato (moitos xa iniciaron a campaña). Ademais, tamén o venres 23 na Praza do Concello, o goberno de Nigrán lerá o manifesto deste ano, acto que se repetirá o domingo ás 13:00 horas antes do concerto de “Blues do País” programado por tal motivo no Auditorio Municipal. Xa o luns, o CPI de Panxón acollerá un espectáculo de acrobacias e performance a cargo dos propios alumnos, que deseñaron a actuación tendo en conta esta data.

Baixo o lema “Nigrán en Negro” o Concello propón novamente «vestir» de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes, locais de entidades ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. O Concello sumouse o ano pasado a esta campaña de sensibilización cidadá titulada #EnNegroContraAsViolencias coa participación de cen locais, e este ano serán máis de 150. «Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia», reflexiona o alcalde, Juan A. González.

«O obxectivo final de todas estas accións é deixar patente a nosa repulsa ante calquera tipo de maltrato á muller e concienciar disto a toda a veciñanza», finaliza o rexedor.

2018-11-21 - Violencia1

Anuncios