Vigo deixará de consumir auga de Zamáns para preservar este recurso para Nigrán e Baiona

Abel Caballero convocou un encontro con Juan González, alcalde de Nigrán, e Carlos Gómez, rexedor de Baiona, no que tamén participaron os tenentes de alcalde, Elena Espinosa e Javier Pardo, para abordar a situación do abastecemento de auga nestes Concellos que, segundo dixo, están “en situación de seca extremadamente grave”, polo que se o comezo do outono vén seco “teremos un problema nestes dous concellos moi importante”.

O alcalde sinalou que “Vigo apoiará a Nigrán e Baiona, non imos permitir que queden sen auga desde a conciencia de que aquí temos un serio problema de auga. Temos que ser solidarios”. Así, avanzou que o Concello “retirará as 19.000 persoas da cidade que se abastecen da presa de Zamáns para abastecelas directamente desde a ETAP do Casal cara a ETAP de Valadares” e para permitir así que “Baiona e Nigrán teñan un mes máis de auga. Acudimos no seu apoio e axuda”.

Ademais, o Concello de Vigo reduciu a toma de auga de Zamáns cara Vigo nun 45% no mes de xaneiro para permitir que Nigrán e, eventualmente Baiona se o precisa, poidan abastecerse durante un tempo dese encoro. “Se non o tiveramos feito, Zamáns estaría practicamente baixo mínimos”.

Caballero advertiu que “en todo o gran Vigo hai un gravísimo potencial problema de seca”, que medrará se non chove no outono, e afirmou tamén que os tres alcaldes saben e comparten que “a Xunta de Galicia quere que a zona de Vigo quede sen auga por razóns políticas”, sendo a súa competencia e obriga o abastecemento de auga en alta.

Así, o rexedor olívico manifestou a súa “condena enérxica” da actuación do presidente da Xunta que nin sequera convocou aos alcaldes para coñecer a situación mantendo unha “actitude neglixente. En 10 anos non fixo nada porque o máis grave é que sabemos -deste problema- desde 2013. Vigo ten que estar resolvendo o problema de Vigo e do resto de municipios da contorna”, censurou.

Neste sentido, avanzou que a próxima semana convocará a unha reunión ao resto de alcaldes e alcaldesas da zona que dependen da presa de Zamáns para acordar medidas conxuntas de aforro e precaución “ante a eventualidade dun outono seco porque hai que tomar medidas”.