Bouzós pide a comparecencia de Ferreira para que explique ante o pleno a situación da auga de Vilaza

O Partido Popular de Gondomar presentou o pasado sábado unha proposta de comparecencia do Alcalde para que explique a situación na que se atopa o expediente de municipalización da rede de abastecemento da auga de Vilaza. No ano 2015 o alcalde de Gondomar Paco Ferreira decidiu revisar de oficio a resolución do anterior alcalde de municipalizar a traída de augas de Vilaza e facer a consulta ante o Consello Consultivo de Galicia o cal ditaminou que a revisión era correcta polo que o alcalde con data 8 de febreiro de 2016 decretou nula dita resolución. Dende esa data a situación da traída de augas de Vilaza atópase nunha situación de desamparo e pese as continuas promesas do Alcalde de darlle unha solución ao tema este sigue na mesma situación.

Recorda Paula Bouzós que no pleno celebrado o pasado 20 de maio de 2021 acordouse iniciar o procedemento para a municipalización e cesión da rede de abastecemento de Augas de Vilaza. No mesmo acordo tamén se facultou ao Alcalde para a designación dos membros que integrarían a comisión especial para a municipalización da rede de abastecemento. Con data 19 de agosto de 2021 por decreto do Alcalde procédese ao nomeamento da citada comisión especial, sen contar na mesma cos membros da oposición, ao contrario do que dixera no pleno de maio. Ata o día de hoxe non se produciu ningunha xuntanza desta comisión especial, e o procedemento para a municipalización da rede de abastecemento de Vilaza está totalmente paralizado.

Nun escrito presentado por Espina & Delfín no mes de xullo informaba ao concello de que ía deixar de realizar o control sanitario da auga ao mesmo tempo que advertía que debido á seca que estamos a padecer non descartaban ter que restrinxir o abastecemento de auga á rede de Vilaza. “Pedimos ao concello que en todo momento se garanta o subministro de auga aos veciños de Vilaza e a calidade da mesma, e que se axilicen os trámites para que máis cedo que tarde se poida municipalizar a traída de augas e seguir prestando un servizo de calidade aos veciños. Tamén queremos recordarlle a todos os veciños que debemos facer un uso responsable da auga para evitar problemas de subministro nos vindeiros meses”, remata dicindo Paula Bouzós.