Nigrán inicia o luns as obras que converterán a rúa Otero Pedrayo nunha referencia de espazo humanizado

O Concello de Nigrán iniciará este luns 29 de agosto os traballos que transformarán radicalmente e definitivamente a rúa Otero Pedrayo antes de que remate o ano. Coñecida por ter as peores beirarrúas da provincia, esta estrada vertebradora dos núcleos de Nigrán (PO-552) e Panxón (Rúa Mariñeiro) pasará do estado de abandono absoluto á que estivo sometida durante décadas baixo a titularidade da Xunta a ser en dous meses un viario de referencia nas humanizacións emprendidas polo goberno local. A empresa encargada desta transformación será Narom SL, adxudicataria por un importe de 1.364.422 € entre 10 ofertas presentadas cun orzamento base de 1.315.797 € que proveñen do Remanente de Tesourería do Concello e dunha subvención Reacpon da Deputación de Pontevedra de 900.000 €.

“Retrasamos as obras ata finais de agosto para evitar a tempada de gran afluencia turística e causar os menos inconvenientes posibles. A transformación será absoluta, será unha rúa irrecoñecible, pasará do desleixo actual á que a someteu a Xunta a ser unha estrada amable, accesible, con puntos de encontro para a veciñanza e incluso con zona verde”, explicou o alcalde esta mañá no seu encontro con responsables da empresa na propia caseta de obra xunto ao deputado provincial Carlos López Font, o edil de Urbanismo, Diego García, e representantes da asociación veciñal Monteferro-Panxón. Nesta reunión, desde Narom SL explicaron que mentres duren as obras non se chegará a cortar nunca a estrada pero, para maior seguridade, a circulación terá que ser por tramos nun único sentido iniciándose desde a marxe esquerda sentido descendente a Panxón. “A pesar das molestias inevitables, todos os veciños poderán acceder en todo momento ás súas casas”, aclara a enxeñeira responsable do proxecto.

“Desde que obtivemos a súa titularidade hai pouco máis dun ano non paramos de dar pasos para chegar ata aquí, agradecemos a paciencia dos veciños pero compre destacar que desde o Concello imos facer o que non fixo a Xunta en máis de 30 anos de xestión”, incide González.

“Esta é unha obra urxente e prioritaria. É de xustiza para os veciños que o veñen reclamando porque esta era de seguro a estrada peor conservada de toda a provincia, acumulando decenas de denuncias por caídas nas beirarrúas”, sinala o alcalde, Juan González, quen subliña que nunca deixou de reclamarse á Xunta, incluso plenariamente, que asumise a súa competencia ata que non 2020 o Concello optou por solicitar a titularidade municipal para poder emprender as obras en solitario. “O que non fixo a Xunta en décadas o liquidaremos nós en pouco máis dun ano, afortunadamente somos un Concello coas contas saneadas e podemos facelo”, incide González. Así, finalmente, a rúa foi transferida ao Concello en xullo de 2020, a continuación o consistorio contratou o proxecto e, durante máis dun ano agardouse pola autorización da AXI para poder iniciar este expediente de contratación.

“A situación é absolutamente desastrosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas e uns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema. O cambio de imaxe será radical, faremos unha rúa moito máis amable para os seus veciños, un lugar polo que poder pasear, accesible de verdade e con puntos de encontro nos que poder pararse a charlar ou descansar, ese é o Nigrán para todos que estamos a construír e ao que se sumará esta estrada fundamental na vertebración do municipio”, resume o alcalde.

Proxecto de humanización

A humanización comprende a totalidade da vía e inclúe a creación dunha nova zona verde nunha parcela municipal ao carón da rúa Costiña. O aspecto máis destacable será a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existe actualmente, o que causa problemas de sobrecargas nos días de choiva e desfeita do pavimento. Así mesmo, darase ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpran a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo así a estética da súa veciña rúa Mariñeiro. Os pasos de peóns serán, ademais, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.

Adicionalmente, renovarase o asfaltado en toda a rúa e o cambio a iluminación LED con novos farois cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminarase o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións que aínda existe, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorgará a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementará con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Nigrán inclúe a rehabilitación dun espazo verde municipal de 450 metros cadrados ao carón de Otero Pedrayo, na rúa Costiña, co obxectivo de convertelo nunha zona de lecer para a veciñanza. Nel disporase dun circuíto biosaudable para facer exercicio ao aire libre, bancos e arboledo.