Alberto Meira imponse no Rallye Pazo Tizón, que lle deixa como líder do Campionato Galego

O Carballiño ía significar a sexta proba da tempada, nun Rallye Pazo Tizón moi importante para os intereses de AMF Motorsport, pois a ausencia do seu principal rival supoñía unha oportunidade inmellorable para anotarse o triunfo e poñer presión para as tres últimas citas tanto no Campionato Galego como na Copa Top Ten Pirelli e o Supercampionato Galego R5.

A proba resultou pracenteira para o equipo formado por Alberto Meira e Avelino Martínez, que desde un comezo establecéronse no liderado e marcaron todos e cada un dos scratchs dos que constaba a fin de semana, finalizando con máis de dous minutos e medio de renda sobre o seguinte clasificado. Este resultado significa a primeira vitoria absoluta para o binomio Meira – Martínez e ademais pasa a encabezar todos os certames no que respecta a puntos absolutos.

O piloto gondomarense mostrábase moi contento tras o primeiro éxito da tempada: “Gañar un rallye nunca é fácil, aínda que nesta proba faltase sobre todo Víctor Senra, que é o noso rival máis duro, pero era un rallye onde había que saír a correr e quero felicitar a Avelino polo seu primeiro triunfo absoluto. O motor do Fabia R5 rendeu magníficamente despois da revisión e o equipo traballou á perfección durante toda a fin de semana”.

A próxima parada do Campionato Galego será o Rallye Ribeira Sacra o 16 e 17 de setembro, onde Alberto Meira chegará como líder dos tres certames, pero onde debe cultivar máis triunfos para ter opcións ao título debido ao sistema de descartes.