Nigrán colabora na celebración da Festa das Angustias a través de “Música nas Parroquias”

O Concello de Nigrán colabora coa comisión de Festas das Angustias a través do programa municipal “Música nas Parroquias” achegando a actuación da Banda de Música do Val Miñor, Orquestra Costablanca e D’Líder aos festexos que comezan este venres e rematan o domingo. Os seguintes eventos cos que colabora o Concello son San Roque de Camos e Bo Xesús de Priegue.

Hoxe venres ás 19:30 horas terá lugar a saída dos Xigantes e Cabezudos desde a Casa do Concello cara a Igrexa das Angustias; ás 20:00 horas a gran tirada de fogos e ás 21:00 horas concerto da Banda de Música do Val Miñor, con verbena a partir das 22:00 horas a cargo de D’Líder e Kamelot. O sábado 20 de agosto tocará a Agrupación Musical de Belesar ás 10:00 horas, despois da Misa Maior e previamente á verbena con Alabama e S’Vigo. Finalmente, o domingo 21 será a quenda da Unión Musical de Guláns e Costablanca.

O programa “Música nas Parroquias” do Concello de Nigrán naceu hai tres anos para apoiar as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100% desde o consistorio ao non terse constituído comisións. Destes cartos, a Deputación de Pontevedra achega 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das mesmas porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.