O PP de Baiona denuncia o peche temporal do departamento de Urbanismo por non cubrirse as vacantes

O Partido Popular de Baiona denuncia a través dun comunicado que os veciños levan máis dunha semana sen poder realizar as súas respectivas xestións urbanísticas no Concello porque o tripartito ten pechado o departamento de Urbanismo desde principios do mes de agosto, un malestar que trasladaron ao PP baionés ao longo destes días os propios afectados. “Non só non hai concelleiro ou concelleira responsable da área, tras a dimisión do edil o pasado mes de xullo, senón que este goberno local líder en falta de previsión foi incapaz de substituír aos funcionarios e empregados que, por diferentes situacións, non poden estar en activo neste momento. E isto a pesar de ter pleno coñecemento e con suficiente antelación de que esta situación íase producir”, afirman.

Para os populares é “inxustificable” que o tripartito non se preocupara nestes meses por manter aberto este servizo público básico ao que teñen dereito os cidadáns para cuestións tan esenciais como realizar unha obra nunha vivenda ou consultar a posibilidade de levala a cabo e en que condicións. Asuntos que, en moitos casos, requiren dunha resposta e unha atención rápida. “Urbanismo de calquera Concello, e especialmente o de Baiona, non pode frear a súa actividade pola súa alta demanda veciñal e os breves prazos que recolle a lei para as tramitacións. Isto é inaudito, Baiona non pode estar un mes sen servizo de Urbanismo. O que pasa con este goberno nunca pasou”, reprochan desde o PP.

Segundo os populares, os problemas no departamento de Urbanismo veñen de lonxe. “Desde o inicio do mandato do PSdeG, BNG e NOS viuse reducida a actividade desta área, algo que se agravou nos últimos meses ao ser incapaz o tripartito a cubrir as baixas e os traslados do persoal informados polos propios traballadores correctamente e con tempo suficiente como para buscar unha substitución. E, aínda por riba, nin sequera hai un concelleiro que poida atender as súas dúbidas ou, directamente, as súas queixas”.